A historia das mulleres silenciadas en Galicia

Aurora Marco (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948) leva, como quen di, toda a vida investigando o papel da muller na historia de Galicia. Autora de numerosas publicacións, grazas ao seu traballo a cara oculta do noso pasado conta con nomes e apelidos de mulleres, feitos e vivencias por séculos silenciadas. “Os planos de igualdade son papel mollado se non hai un interese para que mude a situación da poboación feminina”, apunta nesta entrevista.

Por Anton Fernandez | Compostela | 08/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xanela Editorial, un novo proxecto que dará que falar no noso país, vén de presentar a última obra desta investigadora, “Elas”, editada dun xeito moi especial, numerada  en 155 exemplares e no que participan oito artistas galegas ben significativas. A presentación do libro vai acompañada dunha exposición que comezou pola Coruña e que vai percorrer varias cidades galegas. 

A investigadora Aurora Marco
A investigadora Aurora Marco | Fonte: Antón Fernández

Pódese dicir que “Elas” é o traballo de toda unha vida?
É o traballo dunha parte considerábel da miña vida, a destes últimos anos, porque comecei a investigar case ao mesmo tempo que coa docencia. Fixen traballos sobre lingua e literatura galega e a súa didáctica; editei algúns clásicos; publiquei varias biografías... mais, desde hai máis de 20 anos, estou centrada na recuperación da historia das mulleres galegas. Primeiro, foron as escritoras e as vencelladas ao mundo da educación, por seren estes os eixos do meu traballo profesional. Despois, rachei coa delimitación temática e investiguei sobre mulleres de todos os ámbitos. E niso continúo porque o traballo non acaba aquí. Xa estou con outro proxecto que fago en colaboración con dúas compañeiras.

Que dificultades atopou ao longo de todos estes anos de investigación para acadar este resultado?
Dificultades non atopei moitas, a verdade. O que si me esixiu foi moita dedicación. Cando comecei apenas había fontes e tiven que facer un baleirado de numerosa bibliografía e, sobre todo, de revistas e xornais nas hemerotecas que consumiu meses e meses, anos, para ser máis exacta. A Biblioteca Xeral da USC, o Instituto Padre Sarmiento, o Museo de Pontevedra, a Biblioteca Penzol de Vigo, a da Real Academia Galega, a do Círculo de Artesáns da Coruña, a Biblioteca Nacional de Madrid... por citar algúns, foron lugares que frecuentei moito para estes traballos. Agora coas hemerotecas dixitais non hai que pasar polos traballiños que eu pasei ao principio: tiña que viaxar e ir consultando os exemplares en papel, folla por folla.
Logo están as fontes orais, fundamentais para recuperar traxectorias femininas. Neste libro, e noutros que publiquei, hai bastantes biografías de mulleres silenciadas ¬–máis ou menos fragmentarias–, que puiden reconstruír grazas á metodoloxía da fonte oral. E iso, en ocasións, foi un labor case detectivesco, pódesme crer, até dar coa persoa ou persoas que buscaba para conseguir información sobre algunha muller da que só tiña o nome...

Nunha recente entrevista vostede afirmaba que o século XXI era o século das mulleres... imos polo bo camiño?
Sigo pensando o mesmo. E non é que vaiamos por un camiño inzado de pétalos de rosa, non. A indiferenza das administracións e de parte da sociedade, os planos de igualdade, as disposicións e as leis a favor da mesma son papel mollado se non hai un interese para que mude a situación da poboación feminina. Mais, o que resulta ben significativo é que, malia todas barreiras de chumbo que as mulleres teñen/temos que saltar un día si e outro tamén, co pulo, a forza, a vontade de facer e o entusiasmo feminino, iremos penetrando cada vez con máis forza en espazos considerados tradicionalmente masculinos. Se botamos a vista atrás, para quen vivimos no franquismo, houbo avances considerábeis. Mais fica aínda moito por facer.

En “Elas” participan tamén varias artistas que achegan a súa particular visión. Que lle pareceu o resultado final do conxunto?
Cando o editor me encargou o libro a idea encantoume. Durante moitos anos traballei nas aulas de literatura coa plástica, porque o binomio literatura-artes plásticas é de grande eficacia didáctica e, ademais, o alumnado gostaba moito deste tipo de actividades. Non podía imaxinar que, anos despois, ía ter a ocasión de publicar un libro con tan valiosa participación.
O resultado non pode ser mellor. Sen térmonos coñecido nin falado antes, as pintoras só sabían de que ía o libro, captaron moi ben o espírito que eu buscaba nesta publicación. É e curioso, moitas das mulleres que vemos nestes cadros que nos atrapan pola súa beleza, están reflectidas nas biografías que recollo. Non hai máis que ler os títulos das súas obras e facer unha análise comparativa con algunhas semblanzas biográficas. Fixeron un traballo tan fiel ao contido do libro, e tan fermoso desde o punto de vista plástico. Se agora estivese en activo na docencia, podería traballar cos alumnos e alumnas as relacións escrita-pintura a partir de ELAS.

A investigadora sobre cuestións de xénero, Aurora Marco
A investigadora sobre cuestións de xénero, Aurora Marco | Fonte: Antón Fernández

No limiar fala de que “é importante pór rostro ás mulleres”... Porque?
Moitas mulleres que achegaron as súas contribucións, en diferentes campos, á sociedade da que formaban parte,  permaneceron no anonimato durante demasiado tempo. Eran mulleres ignoradas e sen nome. E xa sabemos que o que non se nomea, non existe. Pois ben, agora que temos moitos deses nomes e as súas biografías máis ou menos completas, cómpre pórlles rostro, cando se pode, porque a imaxe tamén contribúe a facelas máis visíbeis. Desde outro punto de vista, hai imaxes que teñen un atractivo especial, son fotos antigas que proceden de revistas ilustradas, de arquivos familiares, da prensa... que mostran tamén como foi evoluíndo a arte fotográfica.

Traballou na Facultade de CC da Educación da USC até 2014. Cos anos mudou a educación neste pais. Que papel xoga a educación hoxe en día na visibilización da muller na nosa sociedade? Cre que se fala nos institutos e nas universidades das mulleres que vostede difundiu na súa obra “Elas”?
Como noutros ámbitos, en boa medida a visibilización das mulleres depende da actitude profesorado, do seu grao de concienciación a respecto do papel que xogaron/que xogan as mulleres na sociedade. Os decretos curriculares de primaria, da ESO e de secundaria contemplan estes aspectos e hai bloques temáticos onde están incluídos estes contidos. Mais, hai mozos e mozas que chegan as aulas universitarias e só coñecen os nomes de Rosalía de Castro e pouco máis. Téñoo constatado na miña etapa docente que foi ben prolongada, non é ningunha esaxeración. E na universidade, que é un reflexo da sociedade como o son os outros centros de ensino non universitario, ocorre o mesmo. Se hai profesoras ou profesores (sobre todo as primeiras) sensibilizadas con esta cuestión, as mulleres que figuran en ELAS ou noutros libros poderán ser coñecidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta