O PPdeG enxalza a súa "fortaleza" fronte á "desunión" do BNG e a "presenza residual" do PSdeG na executiva do PSOE

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, apuntou que os populares presentes na Intermunicipal din que "se necesita urxentemente" un cambio en España, para "saír" do "lodo da corrupción" e camiñar "cara a un cambio liderado polo presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2024 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, enxalzou a "fortaleza" e o "protagonismo" dos populares galegos na Intermunicipal fronte á "desunión e ruptura dentro do corazón do BNG" e a presenza "residual" do socialismo galego na executiva nacional do PSOE. Así o sinalou este domingo antes da clausura da XXVII Intermunicipal do PP que celebra durante esta fin de semana en Valladolid. "O PPdeG demostrou a súa fortaleza con intevencións nesta Intermunicipal no ámbito das políticas sociais, o medio ambiente ou a transformación dos municipios", puntualizou. Neste sentido, enxalzou que os populares galegos "saen máis reforzados" para iniciar en todos os concellos as "boas prácticas" que recolleron do resto de compañeiros de España. Prado apuntou que os populares presentes na Intermunicipal din que "se necesita urxentemente" un cambio en España, para "saír" do "lodo da corrupción" e camiñar "cara a un cambio liderado polo presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo".

No ámbito galego, os próximos meses Galicia demostrará que "segue funcionando" co goberno do presidente, Alfonso Rueda, que, en palabras de Prado, "pon os intereses" dos galegos "por enriba" de "calquera interese partidista". Fronte a esa "fortaleza e protagonismo" dos populares galegos dentro da estrutura nacional do partido atópase, continuou, un PSdeG cunha "presenza residual" na executiva nacional do PSOE e "nos intereses" do Goberno de Sánchez. "Cun só membro real, ao nivel dunha comunidade autónoma, por facer unha comparativa", esgrimiu a secretaria xeral do PPdeG. A "unión" dos populares galegos contraponse coa "ruptura e desunión" dentro do corazón do BNG que evidencia que "a gran maioría" da formación nacionalista o que "realmente quere" é a "independencia de Galicia, profundar no monolingüismo e a imposición do galego".

Representantes do PPdeG na Intermunicipal do PP en Valladolid
Representantes do PPdeG na Intermunicipal do PP en Valladolid | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta