Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/02/2016 | Actualizada ás 13:30
“Pola súa innovadora e premiada produción poética, multilingüe e comprometida; polo seu labor como mediadora incansable entre culturas mediante a rescrita e tradución; polo seu activismo en prol das minorías lingüísticas, étnicas, sexuais e moi especialmente pola súa contribución á internacionalización da cultura galega e pola preservación do seu patrimonio”. Estes son os valores polos que a poeta e tradutora canadense Erín Moure será Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo, a segunda muller en toda a historia da institución viguesa que recibe esta distinción.
A súa candidatura foi defendida pola profesora Belén Martín Lucas ante o Consello de Goberno a proposta do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, e apoiada por sete dos nove departamentos.
Paixón por Galicia
Bisneta de galego, Moure é unha firme defensora da lingua galega, que comezou a aprender en 1998, así como unha destacada tradutora de poetas galegas como Rosalía de Castro, Chus Pato ou Lupe Gómez. Vinculada á Universidade de Vigo desde o ano 2008 a través do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, Moure converterase tralo apoio unánime do Consello de Goberno na vixésimo quinta Doutor Honoris Causa pola institución académica viguesa.
Na súa exposición, Martín Lucas incidiu na paixón de Moure por Galicia e a súa cultura, que se reflicte na súa obra, na que aparecen varios poemas con títulos galegos, ademais de ser o propio nome de Erín Moure unha “galeguización do seu nome orixinal Erin Mouré”, lembrou a docente e investigadora, que defendeu que se outorgase un recoñecemento, apoiado tamén por entidades alleas á Universidade de Vigo como a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Fundación Rosalía Castro.
A concesión do grao de Doutor Honoris Causa á poeta e tradutora canadense foi un dos puntos aprobados na última sesión ordinaria celebrada polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, que tamén deu luz verde ás normativas de dedicación de profesorado e de recoñecemento de actividades docentes do PDI e aos programas de captación de talento investigador de excelencia e de persoal investigador seleccionado nas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC) para 2016.
Renuncia de Gayoso
Antes do inicio da sesión, que comezou coa presentación dos informes do comisionado do Campus do Mar sobre as actividades desenvolvidas entre os anos 2011 a 2015, así como os referidos ao proceso de especialización de Campus da Auga e Campus Crea S2i, o reitor, Salustiano Mato deu conta da renuncia nas últimas horas por parte do ex presidente de NovaCaixaGalicia, Julio Fernández Gayoso, ao grao de Doutor Honoris Causa que lle fora concedido pola Universidade de Vigo en novembro do ano 2000. Segundo confirmou o reitor, Gayoso xa fixo entrega dos distintivos que lle foron outorgados no acto de investidura celebrado en marzo do ano 2002.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.