“A pluralidade ideolóxica do BNG é patente a todos os niveis”

Alberte Mera defende que “a unidade organizativo do nacionalismo é necesaria”. Nesta entrevista, o secretario xeral de Galiza Nova -as mocidades do Bloque- aborda o proceso de refundación da fronte e critica o gusto polo “show mediático” da maioría dos políticos nas Cortes . A saída do Bloque de antigos dirixentes como Quintana e Aymerich e a perda de votos entre a mocidade son outros dos temas desta conversa.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 10/03/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Este mes completouse o proceso polo que tres asociacións de estudantes nacionalistas uníronse nun único novo colectivo, Ergue, desfacéndose os tres colectivos previos (Comités, Liga Estudiantil . Como se valora dende Galiza Nova este proceso?

Alberte Mera, responsábel de Galiza Nova, as mocidades do BNG
Alberte Mera, responsábel de Galiza Nova, as mocidades do BNG

Para Galiza Nova, para o nacionalismo e sobre todo, para o estudantado, a unidade estudantil galega é unha noticia necesaria. O proceso de unidade que culminou este domingo na Asemblea Nacional Constituínte de Erguer, Estudantes da Galiza, dota ao estudantado galego e ao país dunha ferramenta unitaria para a forte defensa dun ensino galego, público, democrático, de calidade e antipatriarcal, e que de seguro sumará moitas voces mozas ao proceso de autodeterminación do noso pobo. A unidade non suma, senón que multiplica, e de seguro que Erguer dará grandes avances para pór o ensino ao servizo do estudantado e do futuro de Galiza.

Cre que poden extraerse algunha conclusión para os colectivos que agrupan aos 'maiores'?

A unidade organizativa do nacionalismo, en base á pluralidade e diversidade, é necesaria para gañar o futuro en Galiza.  A este respecto, considero que o estudantado galego deu un paso de xigante avanzando na unidade organizativa, desde Galiza, sen dependencias de organizacións estudantís ou políticas con centro de decisión en Madrid.

O BNG acaba de celebrar unha Asemblea Xeral que pode marcar o inicio dunha nova etapa. Que papel lle toca a Galiza Nova xogar no proceso de refundación anunciado pola fronte?

A XV Asemblea Nacional do BNG vén de marcar un tempo novo para o nacionalismo galego, no que a mocidade ha de ser activo principal e protagónico se queremos asegurar unha refundación que fortaleza a base nacionalista e a súa recuperación. Por iso que as mozas e mozos de Galiza Nova temos afirmado o noso compromiso coa fronte e de traballarmos neste período interasemblear intensamente para fortalecer un debate aberto, plural, sen ningún tabú, inclusivo para unha refundación exitosa do nacionalismo galego. Por tanto, quédanos por diante máis traballo social e axitativo, sumar xente nova ao proceso de refundación, animar ás mozas e mozos a participar deste proceso, e achegar novos puntos de vista da mocidade que quere un futuro distinto para Galiza e o mundo.

Hai lustros o BNG era a forza máis votada pola mocidade. Hoxe este liderado ocúpano as mareas, polo menos no ámbito urbano. Que cambiou no Bloque, ou na propia sociedade, para que a fronte nacionalista perdera adeptos entre os máis novos?

Considero que o nacionalismo galego ten moitas potencialidades para reilusionar a mocidade e ao conxunto da sociedade. Un debate rico e participativo no proceso de refundación do BNG é unha das claves máis importantes. Ademais, creo que a pesares do erros que podemos ter, inherentes a toda forza conformada por persoas, a xente recoñece que o BNG é o mellor defensor dos dereitos e intereses do pobo galego, e creo que iso se está demostrando socialmente no contexto actual. Se o BNG non está nos debates, Galiza tampouco está. Creo que xa se está a visualizar a importancia de contarmos cunha ferramenta política sen dependencias, cuxo ámbito de decisión estea no propio pobo galego. Coa nova dirección electa e coa nosa nova Portavoz Nacional, Ana Pontón, con traballo arreo, mellorando as formas de actuar política e socialmente desde a base, os movementos sociais e as institucións, como xa se está facendo, pronto comezarán a reverterse as dificultades polas que atravesa o nacionalismo. 

Significa a saída do BNG de persoeiros que foron referentes como Anxo Quintana e Carlos Aymerich unha perda de pluralidade ideolóxica na fronte?

Nos distintos espazos en que participo no BNG, desde por exemplo a miña asemblea local de Vigo até a executiva nacional do BNG, a pluralidade ideolóxica é patente, e iso é moi positivo e necesario. Considero que o BNG é unha ferramenta plural para a transformación de Galiza, democrática e participativa, na que todo persoa nacionalista ten cabida e é necesaria.

"Acordo españolista e de dereitas". Así definiu Galiza Nova o pacto entre Ciudadanos e o PSOE. Cre que En Marea fai ben en vetar calquera pacto que inclúa a Ciudadanos?

O acordo entre o PSOE e Ciudadanos non ten en conta as necesidades do pobo galego, e en concreto da mocidade. Aspectos que estes partidos dicían ter claros antes, xa non o están, afectando directamente á mocidade galega os casos da LOMCE, a Lei Mordaza ou as reformas laborais. Porén, somos conscientes de que a solución non virá de posíbeis “gobernos alternativos” do estado español. Só decidindo por nós mesmas, sen dependencias, e creando unha Galiza xusta e libre, libre tamén da ditadura dos mercados, e na que se poñan as institucións ao servizo das clases traballadoras galegas e da mocidade, poderemos dar resposta ás problemáticas que nos condenan á emigración e á precariedade.

Cada vez é máis posible que haxa unha novas eleccións xerais. Con todo, cre que as Cortes constituídas agora deberían tentar derrogar algunha das normas máis polémicas do goberno do PP, nomeadamente a reforma laboral e a "Lei Wert"?

Semella que a maioría nas Cortes ten unha maior preocupación polo show mediático e por manter unha dialéctica puramente estética, que en parar as políticas antisociais do PP como é a privatización da educación, as trabas de acceso á universidade ou a persecución do galego; aspectos por exemplo englobados na LOMCE.

Este ano hai eleccións á Xunta. Que medidas de choque proporían vostedes para paliar a emigración entre os máis novos? Deberían eliminarse os contratos en prácticas?

Desde Galiza Nova levamos anos denunciando a precariedade laboral, o desemprego e a emigración xuvenil á que o goberno de Feijóo nos condena. É vergoñento que un país tan rico como Galiza estea espoliado e empobrecido, xa que a nosa terra ten unha vasta capacidade para traballar e vivir. Por iso defendemos unha lexislación laboral que remate cos contratos precarios e temporais, que os contratos para estudantado en formación estean remunerados ao 100%, pois estanse a cubrir postos de traballo con persoas altamente cualificadas por salarios de miseria, mentres os gobernos dan incentivos fiscais a empresas que contraten mocidade de maneira temporal e en precario, cousa que hai que parar. Esiximos por tanto que se destinen os fondos públicos para creación de emprego digno e estábel na Galiza, a suba do salario mínimo a 1200 euros mensuais, a prohibición das Empresas de Traballo Temporal e a derrogación das últimas reformas laborais do PP e do PSOE. É importante tamén a eliminación das horas extras e que se reduza a xornada laboral a 35hs semanais, para avanzar nas condicións de vida dignas e ampliar o número de postos de traballo. Todo isto debe ir acompañado da posta en marcha pola Xunta de Galiza dun verdadeiro Plan Galego de Emprego Xuvenil dirixido á inserción laboral da xente nova, potenciar a creación de bolsas destinadas a titulad@s superiores para a innovación da economía local e apoiar desde a os poderes públicos proxectos emprendedores de xente moza. E, por suposto, medidas reais e contundentes para rematar coa fenda salarial e a precariedade que atinxe as mozas galegas polo feito de seren mulleres, por iso este oito de marzo volvimos saír ás rúas da Galiza baixo o lema máis vixente ca nunca, de “a igual traballo, igual salario”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

18 Antonino

Veña rapazolo, a "trabalhar" muito e a non ser nada mais na vida que un parásito de "El Partido". A seguir repetindo as consignas da UPG. Pronto estarás liberado nalgun chiringuito (CIG, Sermón Galiza?, A Mesa?)

17 XanKaraLlás

Nostrus, non fumes tanto, que logo desvarías. Ti es como o BNG aínda que noutra clave. Son tolemias diferentes. Uns son pseudo-nacionalistas e pseudo-esquerdistas e ti cres na constitución do 78 como don Quijote nos libros de cabalarías.

16 XanKaraLlás

Si, si, seguide así que ides ben, benegallos. Caída libre. Hoxe peor que onte pero mellor que mañá. Xa non teñen representación no Congreso dos deputados, agora teñen o desafío de acadar o mesmo no parlamento galego, máis difícil aínda... Uns "cracks".

1 buli

Bom, quem tem a culpa de que te alegres por isso? Algumha proposta construtiva? Tic-tac...

15 nostrus

Non entendo como o nacionalismose manten "sumiso" a lingua galega polo feito de ser feita polo pobo galego pero dun xeito indirecto e involuntario e sin embargo non ten "lealdade" a Constitucion do 78 feita polo pobo soberano de modo directo e voluntario. O nacionalismo é un cúmulo de incoherencias e dende logo non é esperanzador que exista mocedade que as manteña. Normal que Galicia non avance si hai xente estancada non se sabe canto.

14 nostrus

Normal que non lle guste Ciudadanos, porque este é un partido antinacionalista que persigue o benestar das personas, mentras que o nacionalismo só persigue conseguir unha identidade postiza diseñada por eles e na que os cidadans teñen que comportarse como pezas dun entramado sin capacidade de decision. Parece mentira que a estas alturas da civilizacion haxa opcions politicas estancadas no paleolitico.