Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/01/2025 | Actualizada ás 14:03
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que Galicia se reivindicará na Feira Internacional do Turismo (Fitur), que se celebra a partir deste mércores en Madrid, como unha "terra acolledora" e "de brazos abertos": "Aquí cabe todo o mundo". Así o sinalou tras ser preguntado polos medios de comunicación este martes en Vigo, onde puxo en valor a importancia para o emprego e para a economía do turismo.
"Estamos a desexar que a xente nos visite", engadiu, para así "consolidar" o "auxe" que vive Galicia en canto a número de visitantes se refire. Iso si, apelou ao "sentidiño", para que os viaxeiros que veñen á Comunidade sexan cada vez "de máis calidade e se eleve o gasto medio". Rueda considerou que Galicia está nunha posición de "vantaxe" porque ofrece o que buscan os turistas, que é, ao seu xuízo, "natureza, boa climatoloxía, paisaxe ou a afabilidade da xente".
Por todo iso, o lema escollido pola Xunta para a súa participación en Fitur é 'Galicia, terra acolledora', buscando tamén desestacionalizar o turismo e promover outros lugares que non son tan coñecidos para "descargar" os que si o son e reafirmar a mensaxe de que "aquí cabe todo o mundo e non se rexeita a ninguén", fronte aos que piden á xente que non veña a Galicia, segundo destacou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.