Menos testosterona e máis neurona. Sobre o “caso Luciano Méndez” e a calidade docente

O profesor titular de Literatura Comparada da USC, César Domínguez, explica neste artigo o seu punto de vista sobre a polémica que xira en torno ao profesor Luciano Méndez, acusado por unha alumna de comentarios vexatorios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Durante as últimas semanas a comunidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en primeira instancia e a sociedad en xeral están a asistir —confío que con abraio— ao que se pode xa chamar «caso Luciano Méndez», que comprende non só as novas xornalísticas, senón tamén as propias notas en La Voz de Galicia (19 de febreiro e 11 de marzo de 2016) da man de quen dá nome ao caso, notas nas que se recoñece «manifestar publicamente a miña postura [a de Luciano Méndez] sobre delicadas cuestións».

Luciano Méndez, profesor da USC
Luciano Méndez, profesor da USC | Fonte: youtube.com

Teño para min que non se produciu que eu saiba até agora ningunha reacción pública por parte do colectivo ao que pertence Luciano Méndez (o persoal docente e investigador (PDI) da USC); talvez porque nas devanditas notas el mesmo se está a retratar meridianamente ou, polo menos, tan meridianamente como quere facelo. Amais, hai unha denuncia e unha investigación en marcha na USC.

Porén, hai un aspecto deste caso que si debería ter suscitado a reacción de membros do PDI da USC e a el responde a miña intervención. Ese aspecto inclúe as apelacións de Mendéz nas súas dúas notas á calidade docente. Na nota do 19 de febreiro sostén: «témome que a calidade matemática das miñas clases diminúa notoriamente, sobre todo mentres non me acostumbro á nova situación», nova situación que se concreta nun «escote excesivo». Na nota do 11 de marzo insiste en que se debe velar pola «calidade da docencia», á que pón en perigo —no caso de que o PDI sexa home— calquera fenómeno que afecte á súa vulnerabilidade e debilidade como consecuencia da testosterona, que cualifica de «hormona complicada», e —cómpre supor no caso de calquera PDI con independencia do seu xénero— outros factores, «tanto ruídos como calquera cousa que altere o normal desenvolvemento desta actividade».

Reitero que frónte á dimensión xenerista (genderist) tanto da situación inicial, obxecto dunha investigación na USC, coma das reflexións que Méndez traslada ao público, hai outra dimensión, non totalmente allea, da que o PDI da USC non pode ser cómplice por silencio. É aceptábel trasladar á sociedade que os factores que afectan negativamente á calidade docente na USC son un «escote excesivo», os «ruídos» e a vaga expresión «calquera cousa», como quere Méndez? Polo xa dito, apartemos o primeiro factor, que, na perspetiva de Méndez, só afecta ao PDI masculino con problemas de testosterona. Por fortuna, non todo o PDI masculino da USC ten problemas de testosterona; e, quen o teña, procuren a propia USC e os afectados a solución pertinente.

Despois da Crise Financeira Internacional de 2008-2009, a implementación do Proceso de Boloña e o menoscabo da autonomía da USC, indumentaria, ruído e calquera cousa son os problemas reais da calidade docente na USC? É iso o que lle temos que dicir á sociedad como PDI? A miña resposta é non. Como membro do PDI da USC, os problemas que afectan á calidade docente son outros, de moi distinta envergadura, e o listado que segue non é exhaustivo. Dende que son docente na USC dende 1999 atópome por primeira vez nos últimos anos con estudantes de grao e posgrao que me din que non saben se poderán seguir coas súas carreiras debido a dificultades económicas, con estudantes aos que un suspenso pon en perigo a continuidade das súas bolsas, con estudantes con serios problemas para pagar a taxas, pola súa subida exponencial, de materias que suspenderon. Como PDI da USC, vexo a calidade docente en perigo pola implementación do Plan Boloña sen a correspondente partida orzamentaria. Vexo a calidade docente en perigo pola renuncia á autonomía universitaria, da que o PDI con responsabilidades executivas é responsábel, e a consecuente intervención da administración nacional e autonómica en asuntos formativos e investigadores. Vexo a calidade docente en perigo polo incremento da ratio docente/estudantes, resultado de despedimentos, ausencia de contratación e da non inversión na educación en contraste co paraíso docente que, dixéronnos, Boloña ía traer. Vexo a calidade docente en perigo pola introdución de criterios que queren facer da universidade pública unha corporación neoliberal, co incremento e privilexio das tarefas de xestión frónte ás docentes e investigadoras. Vexo a calidade docente en perigo pola ausencia dunha estratexia de estabilización e promoción do PDI, así como por unha taxa de reposición incapaz de responder ao número de xubilacións, moitas delas polo desalento que afecta ao PDI. Vexo a calidade docente en perigo pola aplicación dun calendario académico ilóxico por moi diversos motivos, comezando polo feito de que en materias de primeiro ano e primeiro semestre a administración universitaria fai posíbel a incorporación de estudantes ás aulas cun período de retardo de até oito semanas no marco dun sistema de suposta avaliación continua. Vexo a calidade docente en perigo cando os destinatarios desa docencia son xoves cunha taxa de desemprego do 50%.

Alumna da USC que presentou unha queixa contra o profesor da USC Luciano Méndez
Alumna da USC que presentou unha queixa contra o profesor da USC Luciano Méndez | Fonte: crtvg.es

Teño para min vergoñoso que como PDI non traslademos isto á sociedade e que tampouco o fagan as autoridades universitarias coa contundencia que merece. A miña intervención non pretende falar en nome do PDI da USC, senón só en nome propio, como o fai Luciano Méndez. A esperanza, unha vez máis, son os nosos estudantes, que coas suas mobilizacións das últimas semanas están a pór estes asuntos en coñecemento da sociedade. Mentres Méndez estima que a calidade da súa docencia pode disminuír notoriamente de vir «un grupo de chicas en pelotas», outros non teríamos problema en que todo o grupo —chicos, chicas e profesor— estean en pelotas, sempre e cando o único do que se nos desposúa non sexa da dignidade do que debería ser unha universidade pública. Por todo isto, menos testosterona e máis neurona para que ao desalento non se engada o insulto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Méndez

Vostede quería falar de calquera cousa, non do problema Méndez. Lémbrame o chiste aquel do que só sabía o tema dos romanos Se lle caía outro acababa falando dos romanos... E lendo esto ...que pouca calidade queda na universidade..

2 alvar

Non vou entrar neste caso que non coñezo. Pero entendo que asisitir a clases na universidade ou en calquer centro educativo é claramente distinto asistir a unha discoteca ou praia. Non se pode ir espido porque non é o sitio axeitado para facer isto. Con esto non estou defedendo a este profesor, tampouco o acuso. Esperemos que a USC remate o expedente.

1 Capitán Haddock

El refrán viene de viejo. Tiran más dos tetas que dos carretas. Lo demás, hipocresía y cinismo. Todos mis respetos para la alumna.