Galicia non converxe coa UE: pasa do 92% ao 83% da renda media

O Foro Económico de Galicia presenta o seu Anuario 2016, un documento no que reúne en 14 análises de expertos e representantes políticos galegos (do PP, PSdeG-PSOE, AGE e BNG) unha axenda común de propostas para reposicionar e mellorar a economía e a sociedade galegas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/04/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O Anuario 2016 presentado conta coas achegas de 17 expertos, entre eles investigadores do Grupo Governance and Economics Research Network GEN da Universidade de Vigo, que diagnostican os principais problemas da economía galega e propoñen solucións.

Foro Económico de Galicia presenta na Coruña o seu Anuario 2016
Foro Económico de Galicia presenta na Coruña o seu Anuario 2016

 

Desde os problemas poboacionais á estratexia de marca-país

Os autores do Anuario 2016 do Foro Económico de Galicia, explican os promotores da iniciativa, “non coinciden na análise nin comparten todas as solucións, mais en todos os traballos conflúen unha serie de medidas para reposicionar a Galicia, con estratexias para rexuvenecer a poboación, incentivar a internacionalización, o nacemento de empresas innovadoras, optimizar o investimento público, o financiamento autonómico, xenerar máis recursos no agro e no sector alimentario e mesmo para a definir unha estratexia de marca-país”.

O documento inclúe análises e propostas de Antón Costas, Fernando González Laxe, Yolanda Díaz, Pedro Puy, Xavier Vence, Elena Muñoz, Teresa Pedrosa, Santiago Lago, Albino Prada, José Luis Méndez Romeu, José Francisco Armesto, Joam Facal, Xoaquín Fernández Leiceaga, Patricio Sánchez ou Francisco Carballo, baixo a edición de José Luis Gómez e Jorge González Gurriarán, que tamén expoñen os seus puntos de vista. Páxina a páxina os expertos analizan a situación de partida en todas as súas magnitudes económicas e sociais, as perspectivas para este ano e propoñen solucións contra o desemprego, a perda de peso económico, a creación de empresas, o novo escenario autonómico ou a loita contra a desigualdade.

Optimismo moderado 

A análise do Foro Económico de Galicia, que está integrado por 50 empresarios, economistas e xornalistas económicos, comeza cun balance con “optimismo moderado” de 2015 realizado por Fernando González Laxe, José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. En termos xerais, indican nel, “o comportamento da economía galega ao longo do ano 2015 foi positivo atendendo á evolución das grandes magnitudes macroeconómicas e a súa incidencia no mercado de traballo”. A demanda interna, explican, é o principal motor de crecemento, impulsado polo investimento e, en menor medida, polo gasto en consumo final, en tanto que o sector exterior detrae sete décimas ao crecemento agregado do PIB. “Con todo, o dinamismo da economía galega ten que ser matizado entre outros aspectos por non ser quen de frear a forte caída de poboación activa, nomeadamente entre os menores de 34 anos, ou da menor produtividade en comparación coa media estatal, dous dos aspectos máis negativos do último ano”, recalcan os economistas.

Pola súa banda, Jorge González Gurriarán sinala no documento como o ano 2015 saldouse “con dificultades crecentes no conxunto da economía mundial, vellos problemas en Europa, a miúdo agravados en España, e unha débil situación económica en Galicia, que ás súas carencias internas suma o feito de que non é allea a todo o anterior”. Nesta comunidade autónoma, recolle González Gurriarán, “aínda que diminuamos o déficit e elevemos o ritmo de crecemento económico non é suficiente para que a nosa posición en PIB per cápita respecto da media da UE se manteña ou mellore, e iso que o denominador poboación continúa decrecendo. Temos que lembrar que Galicia chegou ao 92% da media da UE alá polo 2008 e na actualidade estamos no 83%. Non converxemos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta