Un Leyma para soñar

O Básquet Coruña arrasa 99-63 un Breogán impotente no quinto partido da serie e xogará por primeira vez na súa historia unhas semifinais contra Melilla polo ascenso á ACB. "Temos a obriga de soñar", di Tito Díaz.

Por gcdeportes | A Coruña | 04/05/2016 | Actualizada ás 08:01

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Leyma Coruña 99:
Joan Creus (7), Ben Stelzer (24), Dago Peña (14), Beka Burjanadze (12) e Sergio Olmos (10) –cinco inicial- Tomas Hampl (6), Ángel Hernández (2), Zach Monaghan (9), Chus Castro (0), Zyle (15) e Larry Abia.
Cafés Candelas Breogán 63: Dani López (2), Jeff Xavier (12), Álex López (0), Pep Ortega (11) e Mamadou Samb (10) –cinco inicial- Sergio Llorente (12), Matulionis (2), Devin Wright (2), Fede Uclés (10) e Rakocevic (2).
Parciais: 29-22, 21-15 (50-37), 18-11, 31-15 (99-63).
Árbitros: José Antonio Pagán Baró e Fernando Rupérez Vielba. Eliminaron por cinco faltas persoais a Burjanadze a Hampl nos coruñeses e a Devin Wright e Álex López nos lucenses.
Incidencias: quinto partido dos cuartos de final polo ascenso á ACB disputado no pavillón municipal de Riazor ante preto de 3.500 espectadores.

Pep Ortega tenta remontar a liña de fondo ante Beka Burjanadze.
Pep Ortega tenta remontar a liña de fondo ante Beka Burjanadze. | Fonte: @CBBreogan

Ninguén agardaba este desenlace. Un espectacular Leyma Coruña pasou por riba dun Breogán desaparecido, impotente, que apenas aguantou un tempo metido na loita. Os de Tito Díaz levaban 50 puntos ao descanso, e os lucenses baixaron os brazos no arrinque do terceiro cuarto, cando tralas triplas de Beka Burjanadze, Dago Peña e Zach Monaghan a diferenza chegou aos vinte puntos. Ao final, 99-63: vitoria brillante do Básquet Coruña, derrota dolorosa do Breogán. Os coruñeses xogarán por primeira vez na súa historia unhas semifinais de ascenso á Liga ACB. “Temos o dereito e a obriga de soñar. Imos seguir crendo. Gañamos a un xigante e agora toca outro”, dixo un case emocionado Tito Díaz, en boa parte artífice do éxito do Básquet Coruña.

Mantivo a igualdade o Breo nos primeiros minutos grazas a 6 puntos de Samb, pero Leyma xogaba a tope dende o arrinque, impoñía o seu ritmo e Ben Stelzer, con 8 puntos e dúas triplas, puxo por diante a Leyma (13-8). Un 2+1 de Burjanadze e varios erros lucenses obrigaron a Quique Fraga a parar o partido xa con 16-10. Achegouse o Breo con dúas triplas de Llorente e unha de Jeff Xavier (24-20), pero Ben Stelzer anotaba seguido (16 puntos no primeiro cuarto) e permitiu a Leyma manter a vantaxe (29-22).

Ao Breo costáballe anotar e coa frustración comezaba a estar máis pendente dos árbitros. Sete puntos de Zyle fixeron medrar máis a diferenza, que chegou aos 17 tras unha antideportiva a Devin Wright, incapaz de frear a anotación de Sergio Olmos (48-31). Unha tripla de Fede Ucles e dous tiros libres de Jeff Xavier permitiron a Breogán chegar cun chisco de vida ao lecer: 50-37.

Pero o Leyma seguiu ao seu. Tripla de Burjanadze, canastra de Ben Stelzer e tempo de Quique Fraga, que vía como se lle escapaba a vida con apenas dous minutos e medio do terceiro cuarto (55-39). As triplas de Dago Peña e Zach Monaghan remataron coa resistencia e a moral dos breoganistas. A diferenza chegou aos vinte (62-42), Breogán só anotaba dende o tiro libre e Quique Fraga, proba da súa impotencia, recorreu a Rakocevic. Xa non había nada que facer. O Breo estaba entregado. Ao final do terceiro cuarto, 68-48.

Mamadou Samb tenta frear a un colosal Sergio Olmos.
Mamadou Samb tenta frear a un colosal Sergio Olmos. | Fonte: @basquetcoruña

Non baixou o ritmo un Básquet Coruña que se gustaba ante os seus, entusiasmados co espectáculo. Triplas de Ben Stelzer e Joan Creus, alley-oop para Beka Burjanadze e a diferenza chegou aos trinta (82-52). Ata anotaba Tomas Hampl, que chegou a 6 puntos. Ao final, 99-63. “Gañamos a un xigante e agora toca outro”, dixo Tito Díaz sobre o Melilla, segundo na Liga regular e favorito ao ascenso. Este venres ás 21.00 horas, primeiro asalto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta