Por Galicia Confidencial | Ourense | 06/05/2016 | Actualizada ás 13:00
Varios centos de delegados sindicais da CIG e militantes da CNT participaron o xoves na concentración convocada diante da planta principal de Coren en Ourense en solidariedade coa loita do persoal autónomo da cooperativa Servicarne na planta de Frigolouro, compañía porriñesa que pertence ao grupo cooperativo ourensán.
A mobilización é en solidariedade coa loita dos autónomos de Servicarne dependentes de Frigolouro. Os asalariados reclaman a readmisión dos cinco despedidos tras participar na folga contra “a explotación laboral e en demanda dunhas condicións de traballo dignas”. Os sindicatos aseguran que a empresa abusa dos traballadores grazas a figura dos “falsos autónomos”.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, advertiu de novas mobilizacións. “Volveremos a Ourense, pero a próxima vez pasaremos pola rúa dedicada a Franqueira [fundador de Coren] e xunto ao seu nome porémoslle un letreiro que diga explotador”, dixo o máximo mandatario do colectivo nacionalista.
A filial de Coren Frigolouro acumula varios anos de denuncias pola suposta explotación de falsos autónomos. Comisión Obreiras denunciou en 2014 que a compañía substituía a centos traballadores por falsos autónomos, que cobran en función do que producen e non son empregados de Frigolouro, malia traballar nas instalacións da compañía.
Os proletarios son en realidade socios da cooperativa catalana Servicarne, pero os sindicatos din que o seu elevadísimo número e dispersión xeográfica fai que, na práctica, non teñan capacidade real de influír no futuro da empresa nin nas súas propias condicións de traballo.
Polo de agora, o grupo galego non respondeu as denuncias sindicais. Servicarne tampouco, pero na súa web preséntase como vítima dunha presunta campaña de acoso sindical co suposto fin de botalos do mercado. Noutro apartado da súa web, presume de ofrecer os "menores costes directos", "maior flexibidade da produccion" e "unha reducción de tempo en trámites e documentación dos traballadores". Servicarne alega que o seu modelo de negocio é plenamente legal.
A nivel político, o BNG denunciou a situación públicamente e pediu a Xunta que mediase. Pola súa banda, a CIG planea levar o caso de “explotación laboral” a fiscalía.
“O persoal cooperativista de Servicarne denuncia ritmos de traballo escandalosos, con xornadas laborais que saben cando empezan pero non cando terminan, os tempos de descanso non son remunerados, baixas por accidente laboral disfrázanse de baixas por enfermidade, non hai vacacións, os salarios son moi baixos e as condicións de traballo denigrantes. Estes falsos autónomos cobran en función do que producen e descoñecen os criterios económicos que utiliza a empresa á hora de pagarlles, tendo salarios entre 600 e 900 euros” , relatou a pregunta parlamentar do Bloque.
Coren é unha cooperativa de Ourense, pero posúe varias filiais que son empresas, como Frigolouro, quen a súa vez subcontratou parte dos seus traballos á cooperativa de orixe catalana Servicarne.
A concentración de onte estivo vixiada por un importante dispositivo policial, incluídos efectivos dos antidisturbios. Non houbo incidentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.