Expediente sancionador á empresa do bus escolar inmobilizado en Pontevedra por circular coa ITV desfavorable

Pola circulación con ITV negativa e o uso de extintores caducados, cabe impor penalidades moi graves, que poden supor sancións de entre 5.000 e 10.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2025 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

A Xunta abrirá expedientes sancionadores á empresa responsable do servizo de autobús escolar inmobilizado o pasado venres en Pontevedra pola Policía Local, tras comprobar que circulaba coa ITV desfavorable e con extintores caducados.

Segundo informou o goberno galego, está a tramitarse o expediente polos incumprimentos contractuais previstos no prego que rexe a contratación.

Nese prego establécese que, pola circulación con ITV negativa e o uso de extintores caducados, cabe impor penalidades moi graves, que poden supor sancións de entre 5.000 e 10.000 euros.

No caso da ITV, hai unha cláusula relativa ao estado xeral de conservación e mantemento dos medios e do material valorado nas inspeccións como moi defectuoso e, no caso dos extintores, incúmprese a obrigación de ter elementos de seguridade, hixiene e salubridade necesarios para a prestación do servizo.

A Xunta verificou que o servizo que realizaba ese bus, da ruta CEIP de Vilaverde-Mourente, contaba con autorización en vigor para levar a cabo transporte escolar, outorgada antes da ITV negativa, así como seguro obrigatorio. De feito, non contar coa documentación acreditativa da autorización ou coa do seguro supón sancións de ata 201 euros.

A administración autonómica fixo fincapé na "importancia esencial" de asegurar "o máximo rigor" no cumprimento das condicións de seguridade na prestación de servizos de transporte escolar, e puxo en valor a colaboración coas administracións locais nas competencias de control e inspección.

Respecto diso, lembrou que, cando se detectan desaxustes ou incumprimentos, "actúase coa apertura de expedientes ás empresas para garantir as condicións dos contratos e a correcta prestación dos servizos".

Estación móbil de ITV . SYC APPLUS+
Estación móbil de ITV . SYC APPLUS+

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta