Renace Deleite, directamente dos gandeiros e a prezos xustos

A marca Deleite Galego volve esta semana aos supermercados grazas a un grupo de gandeiros. Prometen prezos xustos, axudar aos produtores máis tocados pola crise, contratos estables e compromiso coa cultura do país. Unha gran noticia para o necesitado sector leiteiro galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/05/2016 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Os novos donos da marca, a empresa Leite Noso, prometen que "por responsabilidade social, a prioridade da compostelana Leite Noso SL para novas incorporacións na recollida son os gandeiros que se están vendo obrigados a vender moi por debaixo dos custos de produción e que nin sequera teñen garantida a venda do seu leite".

Camión de recollida de Deleite
Camión de recollida de Deleite | Fonte: campogalego.com

 

Detrás desta nova etapa está un cooperativa de gandeiros galegos que conta con asesoramento de técnicos universitarios. Os promotores defínense como "unha sociedade constituida por unha trintena de gandeiros galegos que se xuntaron para adquirir a marca e comercializar o leite de xeito directo, sen intermediación dunha industria". Hai uns meses fixéronse coas marcas Deleite e Muuu nunha poxa xudicial pública.

 

Anteriormente as súas marcas eran de Alimentos Lácteos. Aquera empresa foi fortemente subvencionada pola Xunta e logrou en poco tempo unha significativa cota de mercado debido a boa calidade dos seus produtos. Con todo, ao pouco quebrou deixando miles de gandeiros con débedas. Os seus xestores -entre os que estaba o ex-tenente de alcalde do PP en Touro- foron condenados nun xulgado do mercantil por apropiación indebida, polos seus elevados soldos malia a delicada situación da empresa.

Leite Muuu, unha das marcas de Alimentos Lácteos, agora de Leite Noso
Leite Muuu, unha das marcas de Alimentos Lácteos, agora de Leite Noso

 

Agora Deleite renace cunhas previsións de comercialización por riba dun millón de litros mensuais antes de rematar o ano. Leite Noso envasa a súa marca na antiga fábrica de Pascual en Outeiro de Rei (Lugo), na que di traballar "cos mesmos parámetros de calidade e de sabor que convertiron no seu día a Deleite na primeira marca de Galicia en vendas".

 

Trátese dun fito histórico, pois esta é a primeira vez en Galicia en que os gandeiros asumen de xeito directo o reto de comercializar unha gran cantida de leite prescindindo da intermediación dunha industria. En lugar de venderlle o leite a unha empresa para que esta a comercialice como marca de fabricante ou como marca branca da distribución, Leite Noso contrata coa industria só o traballo de envasado da marca, en tanto a sociedade impulsada polos gandeiros xestiona a comercialización da súa produción coa súa propia marca ante as cadeas de supermercados.

A iniciativa arranca coincidindo coa maior crise de prezos que se lembra no sector lácteo. Leite Noso presume de ter un "compromiso de pagar no campo prezos xustos polo leite e manterá contratos estables coas súas explotacións proveedoras". Inicialmente, a sociedade está a adquirirlle a súa produción a gandeiros non socios das provincias de Lugo e da Coruña e prevé incorporar nos próximos meses a novas explotacións.

Leite Noso xa pechou contratos de comercialización con algunhas das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, en concreto co grupo Vegalsa Eroski (Familia, Eroski Center, Eroski City, Cash Record, Aliprox), Carrefour, Alcampo e El Corte Inglés. A marca estará desde esta semana, progresivamente, nos lineais destas cadeas.

De cara ó futuro, Leite Noso prevé o lanzamento de novos productos coas marcas de Deleite e Muuu, a marca que usaba fóra do país. 

Nos próximos días lanza a campaña 'Ningún neno sen bigote', coa que fará entregas de leite os días 18, 19 e 20 de maio nos bancos de alimentos de Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol.

Outro dos sinais de identidade será o seu "compromiso coa cultura galega" A marca copatrocinará o Festival de Cans, que se celebrará desde o mércores 18 ó sábado 21 en Cans.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 eueu

ilusionante, que non se estrague porfa...

4 Fadrique

Iniciativas como estas necesitan o apoio de todos. Consumamos Deleite xa. Parabens

3 Chindasvinto

änimo

2 Doutor Ghu

Fantástica noticia! Parabéns!

1 Gamela

Parabéns...