Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2025 | Actualizada ás 12:38
O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou este venres que o "segundo" paquete de simplificación da PAC presentado pola Comisión Europea supón "máis burocracia dixital" e "menos protección ambiental".
A proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello, que supón a modificación de dúas do tres regulamentos PAC, someterase a votación e, de ser aprobado, derivará na modificación do Plan Estratéxico da PAC estatal.
O SLG apuntou que as modificacións "apenas van influír nas demandas e necesidades" das persoas que producen alimentos. "Nin imos ter mellores ingresos nin se vai a reducir a complexidade administrativa. De feito, cada vez que oimos a palabra 'simplificación' aplicada á PAC botámonos a tremer", sinalaron desde o sindicato.
En todo caso, a organización esperará a coñecer o texto definitivo da proposta e saber como vai ser trasposta por parte do goberno de cada Estado, pero avanzou a súa conclusión de que "o tipo de parches propostos en ningún caso supoñen o cambio de rumbo nas políticas agrarias que se necesitan para ter un modelo europeo de produción de alimentos que aspire á soberanía e seguridade alimentaria da poboación, en lugar de estar enfocado a facer negocio cunha necesidade básica", tal e como apuntou a portavoz do SLG, Ana Rodríguez.
Así, sinalou que "non só perden os agricultores senón tamén o medioambiente" e, en concreto, a posibilidade de desarollar un modelo agroecológico de produción alimentaria, acorde á responsabilidade de garantir alimentos saudables á poboación e establecer medidas de protección e recuperación ambiental.
Segundo o SLG "séguese desmantelando a condicionalidad sen xeito nin dereito", é dicir, o conxunto de requisitos legais de xestión e boas condicións agrícolas e ambientais que deben respectarse, e engadiu que "parece que se profunda na renacionalización da PAC", desconectando algo máis esta política do resto de políticas europeas.
Entre os cambios que cuestionaron está o aumento do 5 ao 10 % na prohibición para transformar pastos permanentes, o permiso para redefinir o curso de auga, a relaxación de medidas de protección para humidais e turberas, ou a limitación a un único control 'in situ' na granxa ao ano, realizando a práctica totalidade do seguimento mediante sistemas dixitais (o que redundaría nun aumento da carga de traballo das explotacións e entidades tramitadoras).
Con respecto á xestión económica, o SLG lamenta que o único incremento que se propón é o da axuda financeira a organizacións de produtores de froitas e hortalizas, "que en Galicia non se aplica", e vanse a detraer os fondos dos pagos directos ou dos de desenvolvemento rural, xa que non se aumenta o orzamento. No actual período, advertiu a organización, Galicia ten esgotados os fondos de desenvolvemento rural e non dispón de fondos "para atender emerxencias".
Finalmente, en canto ao régimes de pequenos agricultores, a Comisión propón aumentar o importe de 1.500 a 2.500 euros, pero esa figura non está no Plan Estratéxico, porque é voluntaria, e debería valorarse "se esta medida é interesante para Galicia", onde hai moitas solicitudes de PAC "con importes moi pequenos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.