Por Galicia Confidencial | Idomeni (Grecia) | 26/05/2016 | Actualizada ás 13:00
Hai un tren que Europa perdeu hai tempo. Hai un tren que quere agochar baixo a alfombra. Non quere facerse responsable e oculta as súas vergoñas baixo un veo turbio. Que facer cun tren no limbo? Que vas facer, Europa? Daraslles un número e un pixama a raias? Poderás dicirllo á cara, un a un, mirándolles aos ollos? Que vas facer nesta vía morta, nesta estación, Idomeni, cun tren sen maquinista? Onde levades esta xente desolada? Por que non queres testemuñas? Fálasnos en cifras, numeros, porcentaxes... Cres que así parecen outra cousa. Despersonalizas, comezas a diluír a súa identidade. Desa forma, deixan de ser e parece que desaparecen. Xa non teñen rostro. Pero non son números. Míraos aos ollos e lembra.
Hai profecías nas paredes. O eterno retorno, todo repítese. A historia repítese. Os muros falan. Tamén en Grecia os muros berran.
Que vas facer, Europa? Numeralos, clasificalos, estabulalos, como animais? Dicirlles aos seus pais quen entra e quen non? Vas facer iso, unha vez mais? Faino mrándolles aos ollos. Numéraos e... De que cor vas pintar as estreliñas dos seus pixamas esta vez? E para que buscar, se o laranxa é unha boa cor? Xa está testado, xa forma parte do inconsciente colectivo. Guantánamo aínda existe... O laranxa é boa cor para o esquecemento.
Creo que aínda seguen alí... Hai tempo que xa non saen nas noticias. Que vas facer, Europa?Outra vez? Podes encarcerar aos nenos da guerra, non teñen suficiente. Que palabra vas utilizar para estes presos? Por que non queres testemuñas? Todo isto é moi incomodo. Europa xorda, cega e, agora, muda. E así quérennos, xordos, submisos e silenciosos, como un tren ás escuras nunha via morta de última estacion, Idomeni E quéreos invisibles. Aquel andén sen futuro, aquel tren ancorado e sen maquinista facía dano a Europa.
Europa non quere lembrar que tamén houbo no pasado trens cara a ningún lugar. Avergóñase. Por iso non quere testesmuñas. Pero os muros falan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.