Por GC Tendencias | Vigo | 06/06/2016 | Actualizada ás 17:00
O Teatro Afundación de Vigo acollerá o vindeiro sábado 11 de xuño, ás 20.30 h, un recital das corais que son parte da Fundación Casablanca. Así, o Coro de Peques, o Coro Xuvenil e a propia Coral Casablanca ofrecerán un programa composto, na súa primeira parte, por obras de diferentes musicais como Sonrisas y lágrimas, El jorobado de Nôtre Dame, El rey león ou Frozen, entre outras, e na súa segunda parte interpretarán obras tan coñecidas como Stand by me, Memory, Hijo de la luna ou El breve espacio en que no está. Ademais, as formacións estarán acompañadas por un conxunto instrumental composto por Lucila Pestana (piano), Guillermo García (teclado), Federico Welicki (baixo eléctrico), Javier Rodríguez (guitarra eléctrica) e David Alonso Cid (batería). As entradas pódense adquirir a través da web de Ataquilla.com.
A Coral Casablanca fúndase no ano 1957 no Convento dos Padres Capuchinos do barrio vigués do mesmo nome. Entre os anos 1966 e 2011 forma parte da área cultural do Círculo Mercantil de Vigo, pero xa en marzo de 2011 pasa a depender da Fundación Coral Casablanca de Vigo. O seu director fundador foi o padre Javier, quen ao pouco tempo cedería a batuta a Francisco Rey, director ata 1988. Nese momento incorpóranse da Coral A´Marosa, fundada dez anos antes, o seu actual director, Óscar Villar, e os pianistas Guillermo e Cristina García, aos que seguirán Ingrid Sotolarova e a cubana Lucila Pestana. A Coral Casablanca é unha das máis gabadas de Galicia e a máis antiga, en activo, da cidade de Vigo.
O Coro de Peques Casablanca de Vigo comeza os seus ensaios en maio do 2013, co obxectivo de inculcar os valores da música coral aos máis novos. Está integrado por 70 nenas e nenos, con idades comprendidas, entre os 3 e os 11 anos que, unha vez que cumpren a idade establecida, pasan a integrar o Coro Xuvenil Casablanca de Vigo, composto por 60 mozos, maiores de 12 anos, que pasarán a ser parte da Coral Casablanca unha vez concluído o seu período de aprendizaxe e de acordo ás vacantes que se vaian producindo na coral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.