O Sergas insiste en que está preparada para a atención no verán: "Hai planificación e coordinación"

O BNG fala de "non plan": "Deciden que deixan de atender".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2025 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu este martes o plan de verán presentado polo Sergas para cubrir vacantes en período estival, que a deputada do BNG Montse Prado tachou de "non plan" e que, na súa opinión, "non decide que atenden, senón que deixa de atender".

No marco do debate dunha interpelación dos nacionalistas, Prado criticou as medidas incluídas neste plan, do que, entre outras cousas, reprochou que "ten como base" que "menos profesionais fagan máis traballo". Nesta liña, censurou que "acaban de decidir" que a ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés trasládana a Sanxenxo. "No canto de aumentar recursos, a decisión que toman é que esa ambulancia pase para Sanxenxo", lamentou.

Así, Montse Prado asegurou que as "medidas estrela" de Sanidade "non van ao fondo do problema", xa que "non solucionan os problemas estruturais". Por todo iso, afirmou que con este "non plan", a Xunta "só" decide "que atende e que deixa de atender". "Non é un plan para atender a todo o mundo, senón para escoller a que atenden", subliñou.

"IMAXE DISTORSIONADA"

Tras isto, o conselleiro de Sanidade reprochou á nacionalista que "insista" en dar unha imaxe "distorsionada" da sanidade pública porque "nunca como ata agora tivo tantos recursos nin tantos profesionais contratados", así como que "nunca antes se acometeu unha renovación tan ambiciosa das infraestruturas e dos centros de atención primaria".

En canto ao plan do verán, Gómez Caamaño reivindicou que se "anticiparon" e "planificaron" os recursos de maneira "coordinada" e "en función da demanda asistencial, das previsións de crecemento e do dereito ao descanso dos profesionais do sistema sanitario". "Chega o verán e o BNG vaticina o colapso da sanidade pública e finaliza o verán e non hai ningunha incidencia. O BNG e vostede están inmersos nun discurso catastrofista que nada ten que ver coa realidade", censurou.

"EMPRESAS PRIVADAS"

Na súa réplica, a deputada do BNG acusou ao Goberno galego de "destinar máis recursos á sanidade privada" para "deteriorar a sanidade pública", polo que volveu a pedir ao conselleiro que "rectifique" e deseñe "medidas estruturais" que "solucionen os problemas e non simples parches".

"Deixe de traballar para as empresas privadas e póñanse a traballar para os galegos", acusou Montse Prado, ao que o conselleiro respondeu: "Nunca traballei para empresas privadas, sempre na sanidade pública. Iso que quede claro; sempre traballei na pública, e puiden facelo na privada e non o fixen, por tanto non me veña co rollo patateiro". Nesta liña, Gómez Caamaño pediu ao Bloque que non acusen á Consellería de "inacción" e volveu a defender os plans específicos programados e as medidas incluídas no plan de verán.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responde a unha interpelación no pleno
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responde a unha interpelación no pleno | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta