Un deputado do PP acusa de “corruptelas” a Besteiro e Méndez

Os socialistas consideran que este tipo de “infundios” buscan “deteriorar a imaxe pública dos representantes”.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2025 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

O Grupo Socialista pediu formalmente o amparo do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, despois de que o deputado do PPdeG Gonzalo Trenor publicase unha mensaxe en redes sociais na que tacha de "corruptelas" ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e á responsable de Organización, Lara Méndez, ambos parlamentarios autonómicos. En concreto, o popular Gonzalo Trenor cita unha noticia de 'La Voz de Galicia' sobre a ausencia de tres deputados do PSOE do Goberno provincial de Lugo dun pleno para sinalar que "é esperanzador ver que hai socialistas que decidiron plantar cara ás corruptelas de Besteiro, Pardo de Beira, Lara Méndez e o presidente da Deputación".

Respecto diso, nun comunicado remitido aos medios, o PSdeG asegura que estas declaracións revisten dunha "especial gravidade" no contexto actual, despois de que hai uns días se pechase definitivamente a causa xudicial que, "a partir de denuncias anónimas falsas", mantivo a Besteiro apartado da vida política durante máis dunha década. O PSdeG, así mesmo, lembra que Lara Méndez tampouco quedou á marxe dese "acoso político e xudicial" tendo en conta que "sufriu un proceso aberto durante seis anos que, igual que no caso de Besteiro, terminou sen xuízo e sen consecuencias, máis aló do intento de desgaste público e político".

Para os socialistas, "todo isto demostra que aquelas acusacións eran falsas". "E por iso resulta aínda máis grave que agora se repitan, nesta ocasión desde a conta dun deputado e a través das redes sociais, como parte dunha estratexia de acoso político que xa coñecemos dabondo". O PSdeG asegura que "este é o modus operandi que instaurou Alberto Núñez Feijóo no PP: primeiro con denuncias anónimas, agora desde as redes sociais". E que, segundo denuncian, Alfonso Rueda mantén con "fidelidade absoluta".

Así, o Grupo Socialista esixe que o deputado elimine de inmediato a súa mensaxe nas redes e pida desculpas públicas por unha "acusación tan grave como falta". "En política non todo vale, por moito que o PP estea convencido pola contra", aseguran os socialistas. Ademais, piden ao presidente do PPdeG que actúe e adopte as medidas oportunas para evitar que se repitan este tipo de situacións en que, conforme apuntan, "pretenden vulnerar de forma gratuíta e con evidente interese político a honorabilidade de dous deputados do Parlamento de Galicia".

O Grupo Socialista informou de que estuda posibles medidas legais para "atallar de raíz" este tipo de "infundios", que considera que "buscan deteriorar a imaxe pública de representantes elixidos democráticamente a través da mentira e a difamación".

Mensaxe publicada polo deputado do PPdeG en redes sociais. Captura
Mensaxe publicada polo deputado do PPdeG en redes sociais. Captura | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta