Temas: HUMOR

A bióloga galega Alba Aguión, segunda mellor monologuista científica do mundo

A científica coruñesa, residente en Plymouth (Reino Unido), conseguiu o segundo posto na final internacional de Famelab, certame de monólogos científicos. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/06/2016 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A bióloga galega Alba Aguión Tarrío conseguiu o segundo posto na final internacional Famelab, certame cuxo principal obxectivo é fomentar a divulgación da ciencia identificando, formando e dando a coñecer novos talentos da ciencia a través dun formato innovador: o monólogo científico.

A bióloga coruñesa Alba Aguión Tarrío, na final internacional do Famelab
A bióloga coruñesa Alba Aguión Tarrío, na final internacional do Famelab | Fonte: FECYT.

Na gala celebrada en Cheltenham (Reino Unido), o gañador foi o malasio Abhi Veerakumarasivam cun monólogo sobre o cancro. A científica coruñesa —que representaba a España neste certame— compartiu o segundo posto co representante de Qatar. E o premio do público foi para o chipriota, Constantinos Timinis.

Á final chegaron 12 dos 27 países que participaron na fase previa. En Cheltenham, Alba Aguión presentou o monólogo, titulado 'En defensa das cigarras', traducido tamén ao inglés para o certame internacional, co que conseguiu o segundo posto que comparte coa representante de Qatar, Aida Rafat. 

Alba Aguión naceu na Coruña hai 26 anos e estudou Bioloxía cunha dobre especialidade (Bioloxía Mariña e Bioloxía Animal), ademais dun máster en Ecoloxía. Actualmente reside en Plymouth (Reino Unido) e traballa en Education through Expeditions, unha compañía fundada polo explorador británico Antony Jinman, que lle permite visitar centros educativos en Inglaterra contando a súa experiencia como científica no Ártico, ademais de liderar actividades e experimentos que introducen aos estudantes na ciencia e/ou as Rexións Polares.

Velaquí a interpretación do monólogo co que a bióloga galega acadou o segundo posto no Famelab internacional (tamén dispoñible en versión castelán).

Temas: HUMOR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta