Aves mortas por presenza de botulismo na lagoa da Congorza en Cangas

As mortes prodúcense logo de que se declarase finalizado outro gromo por botulismo

Por Galicia Confidencial | Cangas | 12/07/2025 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Adega Vigo alerta sobre a morte de varias aves na lagoa da Congorza, en Cangas, debido ao botulismo. Durante as últimas semanas púidose ver persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente vestido con EPI retirar desta lagoa cadáveres de lavanco real (Anas platyrhynchos). En concreto, entre dez e quince exemplares. Todo isto sucede despois de que desen por finalizado outro gromo de botulismo.

Ánade real nadando sobre a capa verde na lagoa da Congorza
Ánade real nadando sobre a capa verde na lagoa da Congorza

UN ANO SEN ACTUACIÓNS

Adega lembra que a comezos de agosto do ano pasado decretouse o precintado da lagoa da Congorza logo da presenza de patos mortos. Daquela apuntouse á gripe aviaria, polo cal se procedeu tamén á recollida de mostras de auga para a súa análise. Pasaron os meses até novembro de 2024 cando se determinou que a causa da morte destas aves foi a toxina botulínica tipo C. Naquel momento xa non quedaba ningún lavanco vivo na lagoa.

A partir de aí o Servizo de Patrimonio Natural activou un protocolo de actuación para controlar o gromo, así como “a promesa desde a consellería de iniciar as reunións entre todas as partes implicadas para conseguir a restauración ambiental da lagoa”. Aínda así, Adega denuncia que a Consellería de Medio Ambiente non ten realizado accións para que non se repita a situación anterior.

ESPAZO NATURAL DEGRADADO

A lagoa da Congorza, tamén coñecida como lagoa de Massó, é unha masa de auga doce situada na Punta Balea xunto á costa e que comprende 6000 m2. Constitúe un hábitat de altísimo valor pola súa singularidade no Morrazo e incluída no Inventario de zonas húmidas de Galicia. Rodeada de vexetación palustre e especies arbóreas como salgueiros e loureiros, trátase dun enclave de moita importancia para a avifauna, tal e como acontece na totalidade do espazo natural de Punta Balea.

Actualmente a superficie da lagoa está cuberta por un manto verde debido á proliferación da lentella de auga (Lemna minor), consecuencia da eutrofización das augas por unha achega excesiva de materia orgánica. Este fenómeno débese á existencia de filtracións do saneamento e ás achegas de pan para alimentar os patos. Esta cobertura vexetal impide a penetración da luz, o que rompe o equilibrio do ecosistema acuático e provoca a súa morte.

Cómpre salientar que a lagoa está dentro dos terreos da antiga conserveira de Massó e que é propiedade de ABANCA, “responsable do seu estado e conservación”. Segundo avanza Adega, a entidade bancaria tense declarado incapaz de xestionar a restauración ambiental e de adoptar medidas para o control do gromo, e “dilúe a súa responsabilidade nunha disposición a colaborar coa Xunta”.

BOTULISMO
O botulismo aviario é unha intoxicación provocada pola toxina producida pola bacteria Clostridium botulinum, que prolifera en ambientes acuáticos con altas temperaturas e exceso de materia orgánica. Trátase dunha doenza en expansión en Europa, entre outros motivos, polo cambio climático, que causa a morte de milleiros de aves.

En Galicia, os gromos de botulismo xa se teñen producido con anterioridade en diferentes puntos do país e, actualmente, é unha das hipóteses que se manexan como causante do preocupante descenso  na poboación da gaivota patiamarela (Larus michahellis).

Por último, Adega Vigo-O Morrazo reclama responsabilidades e negociacións entre as distintas administracións competentes e titulares. O obxectivo será identificar con rigor os focos de botulismo na lagoa da Congorza e adoptar as medidas para a restauración ambiental para a posta en valor deste espazo natural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta