Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2025 | Actualizada ás 14:08
O Grupo Parlamentario Popular rexeitou a proposta do PSdeG para mellorar o sistema público de saúde a través de medidas como garantir por lei a asistencia en atención primaria nun máximo de 48 horas porque considera que a iniciativa é "irreal e demagóxica". A proposta normativa, defendida polo portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, incluía tamén recuperar as xerencias de atención primaria, fixar un número máximo razoable de consultas por profesional, priorizar e reforzar os centros de saúde máis tensionados e prohibir o uso de clínicas privadas como alternativa á atención primaria pública.
Para o líder do PSdeG, é "perfectamente posible" conseguir estes puntos se hai "vontade e organización", pero "a atención primaria non está entre as prioridades da Xunta", lamentou. "É como ter un Ferarri aparcado na porta de casa, pero sen as chaves. Ter profesionais excelentes e recortar no sistema é un luxo desaproveitado", argumentou Besteiro. Así, reivindicou que se debe "recoñecer por lei o dereito da cidadanía" a ser atendidos "en tempo e forma", algo que, apuntou, "debe vir acompañado de recursos, planificación e vontade política". Nesta liña, Gómez Besteiro subliñou que esta proposta busca "ampliar dereitos" e sentar as bases dun modelo de atención primaria que sexa "eficaz, próximo e humano".
"DESPRESTIXIADA"
Pola súa banda, a parlamentaria do BNG Montse Prado manifestou que a Primaria é "fundamental para o sistema", pero lamentou que "a realidade é que é a irmá pobre do sistema". Na súa opinión, o Goberno galego destina "cada día menos recursos" para que "pareza un camiño irremediable". "As políticas sanitarias do PP referidas á sanidade deixan a atención primaria secundarizada, desprestixiada e minusvalorada", censurou Prado, que denunciou que "hai máis de 200 concellos nos que non hai nin un só pediatra".
Nesta liña, tras avanzar o voto favorable dos nacionalistas --aínda que incluirían emendas--, manifestou as súas "poucas expectativas" de que o PP apoiase esta proposta para ser tomada en consideración, xa que "votou en contra de propostas que trouxo o BNG a este Parlamento para mellorar a atención primaria". "Votou en contra de que se aumentase o orzamento ata chegar ao 25 %; votou en contra de reducir a precariedade; votou en contra da creación de equipos multidisciplinares; votou en contra de que os nenos e nenas teñan o dereito a ser atendidos por pediatras; votou en contra de absolutamente todo", exemplificou.
"FALTA DE MÉDICOS"
A continuación, a deputada do PPdeG Encarnación Amigo tachou de "copia e pega sen rigor" a proposta dos socialistas porque "repite punto por punto unha proposta que xa foi rexeitada fai tres anos". Por iso, xa anunciou ao comezo da súa intervención que o Grupo Popular volvería rexeitar esta proposición, xa que considera que "parte dun diagnóstico erróneo e evita falar das causas reais do problema", ademais de expor "medidas demagóxicas". Neste sentido, acusou ao PSdeG de "ignorar" que o "principal problema" é a falta de médicos de familia, que afecta "non só a Galicia, senón a todas as comunidades" e leva "anos sen resposta por parte do Goberno central".
"O noso Grupo non vai caer nesas trampas, que por moito que se vista de ben intencionada é irreal e demagóxica. Imos seguir traballando pola sanidade pública con feitos", resolveu. Por último, José Ramón Gómez Besteiro reivindicou as propostas "claras" dos socialistas galegos, á vez que defendeu o "compromiso do Goberno do Estado" respecto das prazas de médicos especializados en atención primaria. "Incrementouse nun 35 % o número de prazas respecto ao 2018. Foi o PP quen abandonou a política de planificación de recursos no servizo nacional de saúde e recortou as prazas do MIR", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.