Última hora incendios: O lume obriga a cortar a AG-31 en Celanova

O incendio de Larouco arrasa 9.000 hectáreas e avanza cara a O Courel. Os incendios dificultan a subministración a Stellantis. Quedou extinguido o incendio de Cervantes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2025 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

A onda de incendios forestais que arrasa desde hai días á provincia de Ourense obriga a cortar a AG-31, ao seu paso por Celanova. Segundo recolle a Dirección Xeral de Tráfico (DGT), o corte prodúcese desde o quilómetro 5 en Solveira ata o quilómetro 10 na Barxiña, en sentido crecente. Actualmente, esta é a única vía na provincia de Ourense que está afectada os lumes.

Un helicóptero colabora nos labores de extinción do incendio, a 19 de agosto de 2025, en Quiroga, Lugo. Carlos Castro - Europa Press
Un helicóptero colabora nos labores de extinción do incendio, a 19 de agosto de 2025, en Quiroga, Lugo. Carlos Castro - Europa Press

OS INCENDIOS DIFICULTAN A SUBMINISTRACIÓN DE STELLANTIS

Os incendios na provincia de Ourense e os problemas nas comunicacións por estradas seguen complicando as subministracións da planta de Stellantis en Vigo, e a empresa comunicou aos traballadores que se suspenderá a quenda de tarde do sistema 2 este xoves.

Así, o sistema 2, que monta as furgonetas, estará parado este xoves pola tarde, e como xa sucedeu este martes (coa produción suspendida tamén na quenda de tarde nese mesmo sistema), os talleres de Ferraje e Pintura adaptarán a súa actividade nesa quenda para dar servizo á fabricación dos kits SKD (sistema de envío de kits de pezas desmontadas parcialmente).

A previsión da planta é recuperar a actividade normal na fabricación de furgonetas na quenda de mañá do venres. Os problemas de aprovisionamento débense ao incendio que afectou á planta de Autoneum na Rúa e aos problemas loxísticos de transporte polas zonas afectadas polos lumes.

O INCENDIO DE LAROUCO CHEGA A QUIROGA

O incendio de Larouco, que chegou ao municipio de Quiroga o pasado venres 15 de agosto, converteuse no máis grave dos últimos tempos na zona, con arredor de 9.000 hectáreas queimadas só neste termo municipal. A situación, que chegou a poñer en xaque varias localidades durante a xornada do martes, quedou máis controlada este mércores pola mañá grazas ao cambio de vento, aínda que o lume segue avanzando polos montes cara a O Courel.

Vista do incendio, a 19 de agosto de 2025, en Quiroga, Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press
Vista do incendio, a 19 de agosto de 2025, en Quiroga, Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press

Os veciños de Centeais, Bendollo, Montefurado e Vilaster viviron momentos de angustia ao ver como as chamas cercaban as súas casas. En Bendollo, o lume chegou a reactivarse e pasar por riba do pobo durante unha hora crítica, obrigando á poboación, voluntarios e equipos de extinción a pasar a noite en vela para protexer as vivendas. A mellora das condicións meteorolóxicas deu un respiro, aínda que a choiva segue sen chegar.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou esta mañá o dispositivo de emerxencia en Quiroga para lanzar unha mensaxe de apoio aos veciños afectados. Destacou o traballo da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e do resto de efectivos despregados, asegurando que o Goberno de España non escatimará medios nin esforzos para frear o lume e condenando con firmeza os incendios provocados.

Mentres, a preocupación mantense en O Courel, onde a alcaldesa Lola Castro alertou de que as lapas se atopan ás portas do municipio en dúas frontes, unha na fronteira con León e outra no límite con Quiroga. A maquinaria pesada da UME e os brigadistas traballan contra o reloxo para abrir gabias e devasas que freen o avance dun incendio que segue activo e ameaza novos núcleos de poboación.

EXTINGUIDO O INCENDIO DE CERVANTES

O incendio que afectaba o concello lucense de Cervantes deuse por extinguido este mércores, afectando ao final a unhas 140 hectáreas. Segundo informou a Consellería de Medio Rural, do total, 98 hectáreas corresponden a unha superficie arboredo e 42 a rasa. Este foco iniciouse o sábado 16 na parroquia de Vilarello, en Cervantes e para a súa extinción desprazáronse 12 axentes, 26 brigadas, 24 motobombas, unha pa e un helicóptero.

REESTABLÉCESE A CIRCULACIÓN FERROVIARIA

O ministro de Transportes, Óscar Puente, avanzou que a circulación ferroviaria entre Galicia e Madrid podería recuperarse a partir das 17.00 horas. Así o comunicou nunha mensaxe publicada na súa conta da rede social X, onde detallou que o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) de Galicia podería autorizar a circulación ao redor das 12.30 ou 13.00 horas, co que podería retomarse o servizo a partir das 17.00 horas.

Detalla Puente que o Cecopi de Zamora autoriza a circulación ao notificar un só foco incendiario "moi lonxe" da liña e que o de Galicia informa tamén dun só, en Vilariño, onde xa hai equipos de extinción traballando para apagalo.

"Por tanto, todo parece indicar que, con certa prudencia, poderiamos iniciar o servizo na terceira xanela (17.00 horas aproximadamente)", sinala. Apunta tamén que xa dispoñen de autorización para dar tensión nos 30 quilómetros que estaban "apagados" por orde de Protección Civil.

SEN NOVAS EVACUACIÓNS

Galicia non rexistrou novas evacuacións nin confinamentos por incendios forestais durante as últimas horas. Así o confirmou o 112, que con todo destaca que a vixilancia continúa nos núcleos próximos aos incendios. Ademais, todas as estradas principais permanecen abertas á circulación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta