LUGO | 12/07/2016 | Actualizada ás 18:31 por EUROPA PRESS
A Confederación intersindical Galega (CIG) deu a coñecer unha "análise socioeconómica" da provincia de Lugo, dende o inicio da crise, en 2008, ata 2015, un período no que, alertaron, triplicouse o número de persoas que perciben a Risga.
O informe comeza detallando a perdida de poboación, dun 4,5 por cento fronte ao 1,8 en Galicia nestes sete anos, e o seu envellecemento na provincia, onde o 28,6 por cento a súa poboación conta con máis de 65 anos.
En rolda de prensa, unha das responsables do gabinete económico da CIG, Natividade López, concretou que "o 33,8 por cento dos contratos rexistrados duraron menos dunha semana en 2015".
Ademais de "perderse un dez por cento dos asalariados", coa voraz crise dende 2008 en Lugo, "o salario medio tamén" se viu reducido nun 3,1 por cento, apuntou, tras o que debullou que un 18,5 por cento dos asalariados da provincia "non chegaron aos 1.900 euros" de ingresos ao ano. Dentro destas variables inclúese que a "poboación parada creceu un 146 por cento".
Do mesmo modo, a CIG apuntou que das 405 rendas de integración social que se cobraban en 2008 se pasou a 1.169 o pasado ano en Lugo.
O secretario comarcal da CIG, Antonio Niño, puxo o acento en que a situación é "dramática na provincia", onde a clase traballadora se viu "empobrecida", recobrándose a figura do "traballador pobre" común durante o "franquismo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.