Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2016 | Actualizada ás 09:20
Esquerda Nacionalista (EN), o histórico partido que formou parte do BNG e no que militaron destacados dirixentes nacionalistas, entre eles, o propio Xosé Manuel Beiras, anunciou que se sumará ao proceso de En Marea para “construír un mellor lugar eun mellor país”.
De confirmarse a entrada de EN en En Marea, sería a segunda formación nacionalista que forma parte deste espazo político, logo de Anova. Precisamente, Esquerda Nacionalista destaca que a súa intención de sumarse a este proxecto é para “acadar o maior consenso posíbel arredor dunha alternativa política: ampla, plural, e que teña sempre a Galiza como norte”.
“Consideramos que é o momento da unidade de acción e que nesta altura só existe un formato suficientemente integrador que se concreta na estrutura aberta das Mareas, onde ademáis sobresae a figura incontestábel de Xosé Manuel Beiras, líder indiscutíbel do nacionalismo galego, e referente ético e moral para unha sociedade que procura a xustiza social e a defensa do noso ser diferenciado”, indica nun comunicado.
EN insiste en que para as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego, Galicia precisa “dunha ferramenta política de seu, que aglutine o maior número de vontades na defensa dos intereses sociais, económicos e políticos propios”. Por iso, considera que En Marea é o mellor espazo para acadar este fin.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.