A Universidade de Santiago convoca dúas bolsas para estudantes refuxiados

Son axudas para un período de 12 meses orientadas a apoiar a continuación dos seus estudos universitarios na universidade compostelá.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/07/2016 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) convoca dúas bolsas para estudantes que estivesen matriculados na institución compostelá no curso 2015-2016 e que posúan o estatuto de refuxiado/a en España. Son bolsas para un período de 12 meses orientadas a apoiar a continuación dos seus estudos universitarios na USC.

Claustro de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela
Claustro de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

As persoas beneficiarias terán cubertos os gastos de matrícula para o curso 2016-2017, unha asignación mensual para gastos de manutención, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias, financiamento para dous cursos semestrais de español no Centro de Linguas Modernas e unha estadía en prácticas durante os meses de xullo e agosto de 2017 no Servizo de Relacións Exteriores da USC.

Á convocatoria poderán concorrer as persoas recoñecidas co estatuto de refuxiado/a en España matriculadas en estudos de grao durante este curso e en condicións de continualos no próximo; estar matriculado en estudos de grao ou máster durante o presente curso e cumprir cos requisitos académicos para acceder a máster ou, no seu caso, estar no segundo ano de posgrao; ou estar en condicións de continuar cos estudos de doutoramento na USC o próximo curso. As persoas interesadas poden consultar os detalles da convocatoria na web do Servizo de Relacións Exteriores.

Con esta convocatoria, a USC a través da Vicerreitoría de Internacionalización asume o compromiso acadado polas universidades españolas en setembro de 2015 para facilitar a recepción e acollida de estudantado universitario refuxiado en forma de colaboración directa ou a través de accións de voluntariado ou colaboración con outras administracións e axentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta