SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2016 | Actualizada ás 13:44 por EUROPA PRESS
A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebrou as "boas cifras" do paro rexistrado de xullo, que caeu en case 12.000 persoas en Galicia, e asegurou que continuará "traballando para afianzalas" e "seguir creando postos de traballo estables e de calidade".
A través dun comunicado emitido polo departamento autonómico, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, chama a atención sobre que o descenso galego é o segundo maior por comunidades, e que con el baixa de 200.000 persoas "por primeira vez en sete anos".
Ademais, sinala que a "boa evolución se pon de manifesto nas afiliacións, que con respecto a xuño tiveron un incremento tres veces superior ao do estado", e sitúan a Galicia como "a terceira rexión con maior incremento", do 1,67%.
"O número de persoas sen emprego volve decrecer nas principais variables, con respecto ao mes pasado, en todos os sectores, nas catro provincias, nas sete grandes cidades, tanto en homes coma en mulleres e en todos os tramos de idade, destaca.
Neste sentido, resalta o descenso nos menores de 30 anos, do 16,3% en comparación con igual mes de 2015. Xunto cos datos da EPA (enquisa de poboación activa), a secretaria xeral considera que se está "no bo camiño" e que por iso "hai que seguir traballando para afianzar esta boa evolución".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.