Ourense arde de punta a punta

A cantidade de fume é tal que nalgúns lumes os helicópteros non poden traballar. Son máis de 3.000 as hectáreas que arderon na provincia nun só día, 500 delas polo menos de zonas protexidas nun Parque Natural. Nesta mañá seguen sen control lumes nos concellos de Lobeira, Lobios, Boborás, Muíños e Oímbra. Estes datos da Consellería de Medio Rural non inclúen os lumes de menos de 20 hectáreas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2016 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Despois dunha xornada de elevadas temperaturas en toda a comunidade, a provincia de Ourense rexistra na mañá deste mércores cinco incendios activos e fóra de control: nos concellos de Lobeira, Lobios, Boborás, Muíños e Oímbra, segundo a información da Consellería de Medio Rural, que só achega datos daqueles lumes superiores a 20 hectáreas de afectación.

Incendio no Xurés achegándose as casas
Incendio no Xurés achegándose as casas | Fonte: Axentes MM CCOO

Só neste último, o declarado na parroquia de Bousés, segue activada esta mañá a alerta por proximidade a casas, en concreto por proximidade aos núcleos de Espiño e Bousés. As lapas iniciáronse ás 14,05 horas e calcinaron unhas 500 hectáreas. Nos labores para tratar de controlalas participaron dous técnicos, 14 axentes, 29 brigadas, 12 motobombas, tres pas, seis helicópteros e catro avións, así como a unidade militar de emerxencias (UME), medios da Deputación, bombeiros municipais e efectivos de Protección Civil.

A cantidade de fume nesta área, no Parque Natural do Xurés, é tal que polo menos unha brigada helitransportada tivo que volver a súa base de Laza ante a imposibilidade de achegarse.

En Muíños a denominada 'situación 2' por risco para vivendas desactivouse hai unhas dúas horas. O lume, na parroquia de Requiás, declarouse ás 6,45 horas deste martes e continúa activo tras arrasar máis de 500 hectáreas, todas elas no parque natural do Xurés. No seu control levan traballado dous técnicos, seis axentes, 31 brigadas, oito motobombas, tres pas, 10 helicópteros e sete avións, ademais da UME, Protección Civil e GES.

Lume preto das casas no extraradio de Ourense, en Boborás
Lume preto das casas no extraradio de Ourense, en Boborás | Fonte: bng Ourense

En Boborás, está activo un incendio dende as 16,44 horas do martes na parroquia de Brués, e queimou máis de 20 hectáreas. No seu control traballaron 10 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas, tres helicópteros e dous avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e de GES.

O lume que se rexistraba este martes ás 18,46 horas no municipio de Entrimo localízase no concello lindante de Lobios, segundo informa o departamento autonómico. Na parroquia da Illa, en concreto, onde arderon máis de 20 hectáreas, traballan tres axentes, oito brigadas, oito motobombas e un helicóptero.

Por último, en Lobeira, ás 00,00 horas deste mércores comezou un incendio na parroquia de A Fraga que permanece activo e queimou máis de 50 hectáreas e no que participan na súa extinción tres axentes, sete brigadas e catro motobombas.

Controlado mantense o lume en Chantada, onde afectou a Rede Natura e queimou 106,44 hectáreas, das que 49,14 son arboradas e o resto de monte raso.

Incendio forestal en Oímbra
Incendio forestal en Oímbra | Fonte: Protección Civil Verín
O incerdio no Xurés corta a estrada N541 Ourense-Pontevedra ao seu paso por Brués
O incerdio no Xurés corta a estrada N541 Ourense-Pontevedra ao seu paso por Brués | Fonte: Axentes MM CCOO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta