Por gcdeportes | Vigo | 27/09/2016 | Actualizada ás 08:25
“Se ben sabemos que o dono das accións está no seu dereito e pode vendelas en calquera momento como propietario que é, non estamos dacordo en que esta venda se produza a fondos de inversión alleos, polo que o noso rexeitamento non radica na venda, senón en a quen se vende. De confirmarse tal nova, sería un triste epílogo ao que podería ser recoñecido como o mellor presidente da historia do club. Iría contra os valores que defendeu durante a década que estivo ao fronte do club, na que a identidade do club coa cidade de Vigo en particular e con Galiza en xeral, foi un dos pilares que acompañou a sua política de mercadotecnica durante estes anos”, laiase o Colectivo Nós nun comunicado.
Cando o presidente do Celta, Carlos Mouriño, de 73 anos, anunciou o pasado 8 de setembro a súa futura saída do club, a negociación estaba máis adiantada do que se facía saber. De feito, o grupo empresarial chinés Citic Group ten practicamente pechado o acordo para comprar o 52% das accións en mans do presidente celeste e facerse co control maioritario do club. Segundo varias fontes, a operación podería pecharse en ata 150 millóns de euros.
Carlos Mouriño apuntou na súa última aparición sobre outras posibilidades (quedar a familia co club ou deixalo en mans dun home de confianza), pero a venda do club a este grupo chinés está xa moi avanzada e podería pecharse de xeito inminente. De feito, Mouriño xa ten experiencia en facer negocios con Citic Group: no 2011 vendeu ao grupo empresarial chinés a caldereira Gándara Censa, no Porriño, por 43 millóns de euros.
O presidente Carlos Mouriño, que fixo fortuna en México onde conta cun conglomerado empresarial que dirixen os seus fillos, controla o Celta dende hai dez anos, cando se converteu no máximo accionista do club tras mercar o 40% das accións que ata ese momento tiña Horacio Gómez. Tras unha drástica reducción de capital en 2009, Mouriño quedou con tan só o 27%, pero no 2014 mercou as accións de Abanca por 5,5 millóns e pasou a controlar o club con arredor do 52,2%, ese que agora medita a súa venda.
“Señor Mouriño, se quere marchar do Celta, fágao, está no seu dereito dese merecido descanso, e NÓS agradecerémoslle o seu traballo durante esta década, pero non deixe o club en mans alleas, non entenda o Celta como un negocio máis, non xogue coas ilusións de milleiros de persoas. Faga o posible e o imposible para que ese paquete accionarial quede en mans galegas aínda que a operación non lle sexa tan rendible. Sabemos do que é capaz e que cousas máis imposibles acadou en datas peores”, pídelle o Colectivo NOS no seu comunicado, recollendo o sentir maioritario da afección celeste.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.