Arosa, campión da copa RFEF

O conxunto de Xurxo Otero imponse ao Pontevedra de Luisito cun solitario gol de Julio Rey nunha final xogada en Cambados e disputará a fase final da Copa Federación.

Por gcdeportes | Cambados | 13/10/2016 | Actualizada ás 09:01

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Pontevedra CF 0:
Santi Canedo; Adrián, Portela (Kevin Presa, 53’), Capi, Bruno; Gonzalo, Álex Fernández (Abel, 60’); Miki (Bonilla, 72’), Jacobo (Mario Barco, 53’), Álex González e Mateu.
Arosa SC 1: Roberto Pazos; Fran Matos, Carlos Besada, Rivas (Vitra, 55’), Suso Martínez; Sidibé (Nacho, minuto 63); Carlos Torrado (Miguel, 83’), Carballa, Óscar, Julio Rey; e Cabanyes (Álvaro Longa, 88’).
Gol: 0-1: Julio Rey (minuto 46).
Árbitro: Daniel García Lesta (Pontevedra). Expulsou por dobre cartón ao xogador do Pontevedra Mario Barco (minuto 62). Amarelas a Mateu, polo Pontevedra, e a Carlos Besada e ao adestrador Jorge Otero, polo Arosa.
Incidencias: campo municipal de Burgáns (Cambados) ante arredor de 1.200 espectadores. O Pontevedra actuou de local por ser máis antigo (1941) que o Arosa (1945). A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, entregoulle a copa de subcampión ao Pontevedra, recollida polo seu capitán Adrián Gómez, e o presidente da FGF, Rafael Louzán, entregoulle a copa de campión a Rivas, capitán do Arosa.

O Arosa recibe a copa de campión de mans de Rafael Louzán.
O Arosa recibe a copa de campión de mans de Rafael Louzán. | Fonte: @futgal

O Arosa SC proclamouse campión da fase galega da Copa RFEF tras superar na final ao Pontevedra grazas a un solitario gol de Julio Rey no primeiro minuto da segunda parte.
Foi unha final tensa, como se agardaba entre dous clásicos do fútbol galego que, ademais, son veciños e manteñen unha intensa rivalidade. Precisamente por iso a final espertou unha grande expectación, con 1.200 espectadores nun campo mítico como o de Burgáns. Tamén porque había un título en xogo, e un premio de 3.000 euros en xogo. Ambientazo para un partido que mantivo a emoción ata o final.

Desde o primeiro momento quedou claro que os dous equipos querían gañar. Intensidade dende o inicio aínda que as ocasións claras tardaron algo en chegar. O conxunto de Luisito creou unha morea de claras ocasións pero non foi quen de poñerse por diante no marcador e acabouno pagando. Unha volea de Jacobo foi a primeira oportunidade clara: o balón saiu preto do pau. Álex Fernández e Mateu tamén estiveron preto do gol, aínda que a máis clara tívoa Álex Fernández no minuto 33, nun man a man co porteiro arousán. O Arosa non era quen de chegar á área rival, pero pasou os momentos de apuro e o último tramo da primeira metade foi máis equilibrado.

A final mudou á volta de vestiarios. Na primeira xogada chegou o gol que decidiu a final. Portela escorreuse e Julio Rey marca cun certeiro disparo cruzado. Luisito reaccionou con prontitude e meteu no campo a Kevin Presa e Mario Barco, pero o dianteiro apenas durou dez minutos no terreo de xogo. Viu dous cartóns amarelos case consecutivos e tivo que marchar a vestiarios. Complicábaselle a final ao Pontevedra, que tiña que remontar en inferioridade.

Pero o Arosa non fixo concesións e mantivo o marcador a favor sen demasiados atrancos, e incluso puido sentenciar nunha gran xogada colectiva que finalizou Julio Rey cun disparo alto. O Pontevedra non se rendeu en ningún momento e creou un par de accións claras para empatar, unha de Miki e outra de Adrián. A afección arousana agardou polo pitido final e este chegou sin que se movese o 0-1 do marcador.

Un Arosa con ata sete canteiráns no once inicial fíxose co título galego da Copa RFEF e acada a clasificación para a Fase Nacional. Unha competición que lle gusta a Xurxo Otero, pois xa a gañou a tempada pasada co Rápido de Bouzas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta