VIGO | 13/10/2016 | Actualizada ás 14:39 por EUROPA PRESS
A Plataforma 'Non ao TTIP' de Galicia, integrada por máis de medio centenar de colectivos, entre eles partidos, sindicatos e organizacións sociais, convocou para este sábado, ás 19,00 horas, unha manifestación para expresar o seu rexeitamento aos tratados de libre comercio que, advirten, "teñen impacto directo" na vida dos cidadáns.
Por iso, fixeron un chamamento á participación dos vigueses e veciños da bisbarra para que participen na marcha, que sairá do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, en Vigo. Así mesmo, haberá concentracións e outros actos reivindicativos organizados por diferentes colectivos nas principais cidades de Galicia.
Os voceiros da plataforma, recordaron que tanto o TTIP, como outros tratados (o CETA, que se negocia entre a UE e Canadá; ou o TISA, de libre comercio en servizos), son acordos que, malia que repercutirán de forma directa na sociedade, se están a negociar "con total escurantismo" e "sen explicacións dos gobernantes".
A ese respecto, denunciaron que os tratados responden aos intereses das grandes corporacións, e terán consecuencias non só económicas, senón tamén laborais e mesmo ambientais. Por iso, advertiron de que "non son cuestións que queden lonxe aos cidadáns", xa que terán "impacto directo" nas súas vidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.