A CORUÑA | 04/11/2016 | Actualizada ás 06:10 por EUROPA PRESS
A Fundación Barrié inaugurará este venres na súa sede da Coruña, con motivo do seu 50 aniversario, a exposición 'Sorolla terra dentro', composta por 67 pinturas.
Todas as obras pertencen á colección Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla, nunha exposición que aborda a pintura de paisaxe do artista, onde "abandona momentaneamente as praias do Mediterráneo para percorrer o campo das diferentes rexións do país", indica a Fundación Barrié.
A exposición foi producida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Fundación Museo Sorolla coa colaboración da Fundación Barrié. O acto de inauguración verase complementado por unha conferencia sobre o mestre valenciano a cargo de Carmen Pena, comisaria da mostra.
Grazas ao convenio asinado con motivo desta exposición, a Fundación Barrié colaborará no programa de catalogación do fondo de fotografía antiga do Museo Sorolla, con máis de 6.000 fotografías.
'SOROLLA, TERRA DENTRO'
Sobre esta mostra, a Fundación Barrié recorda que o xénero da paisaxe foi "central" na evolución da pintura moderna, "considerado 'menor' pola academia ata século XIX". Ademais, precisa que "se algo identifica a pintura de Sorolla, é o seu traballo ao aire libre e en plena natureza".
"Os escenarios de luz intensa das costas de Valencia e Levante son o seu referente máis coñecido; non obstante, terra dentro realizou numerosas paisaxes de enorme calidade e importancia", agrega.
Estas paisaxes sitúanse "no contexto xeral das inquietudes artísticas do realismo final e tamén das correntes intelectuais renovadoras da Institución Libre de Ensino e os rexeneracionistas españois".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.