Rendición ó caos indio

Nova entrega da sección Cartas de Marco Polo, do profesor Gabriel Rei-Doval, desde a India. Desta volta destaca a impresión que lle están a causar as paisaxes deste país, sobre todo, a do Himalaia.

Por Galicia Confidencial | India | 07/11/2016 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Despois de semanas de periplo polo noroeste indio visitando cidades e vilas diversas, as vivencias e sensacións comezan a ateigar mente e sentidos. Foise co vento a enorme sorpresa inicial ante as diferenzas e maila sorpresa por caras, trazos e ollares diferentes dos occidentais.

Día da acampada diante das montañas do Himalaia preto de Dharamsala
Día da acampada diante das montañas do Himalaia preto de Dharamsala | Fonte: Gabriel Rei-Doval

Tralo remate da intensa fase meditativa veu o tempo de coñece-lo antes ignoto exterior do verdor cinguido de Dharamkot. Chegou a camiñada formato vilarrube desde o Galu Temple ata o Alto Triund e a continuación ata o invernal lindeiro nevado, as vistas espectaculares e mailo decote espectacular acampar fronte ó Himalaia. Xurdiron tamén as alerxias ó po, a humidade ou se cadra ó descoñecido, e asemade a extenuación polo esforzo físico constante, o mal de altura e o temor ós cantís e ás situacións de risco excesivo en alta montaña.

A apertura desde o mundo interior ó exterior trouxo tamén a viaxe incesante, a saída de Himachal Pradesh e a conseguinte entrada en Uttarakhand, a viaxe en autobús turístico nocturno e, como non, a claudicación do sistema dixestivo propio ante a cabalería bacteriana e a aviación vírica hindús. Os aguerridos comandos locais acabaron vencendo a resistencia da garda pretoriana galaica que, simplemente, arriou bandeira branca ante o empuxe imparable dos comandos bacteriolóxicos asiáticos.

Todo isto emborcou, logo de intensa e feroz batalla e coa única axuda da mariña química occidental, nun estado de repouso temporeiro. Endebén, foi en Dehradun onde me decatei de que non tódalas paisaxes indias eran igualmente marabillosas e asemade onde tomei plena consciencia da febleza hixiénica india. Dubido que ningún estándar sanitario occidental -for europeo ou norteamericano- validase a salubridade india. Sen dúbida, calquera departamento, consellería ou ministerio do chamado primeiro mundo suspendería cun 'moi deficiente' a intervención humana sobre o mundo biolóxico, sanitario e profiláctico hindú.

Pero, o que é máis importante, tamén as miñas tragadeiras mentais arriaran bandeira branca canda as defensas corporais, coma se bioloxía e psique se aliasen en manifestación reivindicativa simultánea. Nin todo o rico mundo espiritual fora abondo para permitir outra cousa.

Ponte sobre o Ganxes no centro de Rishikesh
Ponte sobre o Ganxes no centro de Rishikesh | Fonte: Gabriel Rei-Doval

Todo isto acontecía mentres restaba aínda mes e medio para o retorno á costa verdescente, e cando aínda ficaban moitas aventuras por correr, lugares por visitar, aprendizaxes por realizar e mesmo un novo ano que celebrar. Así que, coma tantos outros humildes occidentais longamente paseados por estes lares, dei en sucumbir ó caos indio. Deixei de rebater hábitos que en nada podía cambiar, suspendín sine die a protesta polo infernal ruído que enchoupa as rúas indias e renunciei ós beneficios de ser percibido e tratado como moreno indio.

Mais comecei tamén a leva-la zona de reto un paso alén, tomando autobuses locais e auto rickshaws coma indio sen complexos e subín un chanzo na miña desinformación cotiá, constatando desde o meu silencio e xordeira hindi a minoría diminuta e elitista que os anglofalantes constitúen aínda hoxe nesta sociedade.

En Dehradun, ó toma-lo primeiro autobús local cara a Rishikesh, sentín en pel propia as incomodidades diarias indias, totalmente encartado por viaxeiros locais que semellaban decididos a tirarme todo o zume cal laranxa valenciá mañanceira. Caídos os lindes da proximidade corporal ante a necesidade de espazo, ninguén parecía sorprenderse da proximidade cutánea, e unicamente a inminencia de Rishikesh fixo que baixasen do autobús varias familias proletarias e puidese eu descansa-las miñas pousadeiras remexidas polo meneo daquel dinosáurico ómnibus asiático.

A chegada a Rishikesh permitiume tamén aprezar un grao máis a picaresca dos condutores de motocarro. Para daquela desbravara xa unha rafa máis as miñas habelencias negociadoras, conseguindo rebaixa-lo custo da viaxe, ben que non abondo para evita-las artes nativas dos arteiros condutores.

O amolamento porén foise coa chegada dos empáticos e sorridentes ollares californianos que atopei no restaurante do hotel, e que en boa medida me acompañarían durante o resto da miña estadía nese Rishikesh que tan ben combina tradición hindú, herdanza Beatles, vellas achegas new age e novas ensinanzas do ioga e as terapias aiurvédicas. A popularidade de ashrams e gurús ás beiras do Ganxes e a beleza da ascensión fluvial entre os serpenteantes recunchos da estrada fai desta vila popularizada hai medio século polos xenios de Liverpool un lugar de visita inescusable para calquera viaxeiro amante do encanto lúdico, sanador e meditativo hindú. Quizais foi por iso que ese Rishikesh salferido de cultura hindo-hippie deveu complemento ideal á intensidade meditativa que me impactara no verdor cinguido da Dharamsala tibetana.

Pasada xa esa xeira, aterrei de novo no caos total versión 3.0 de Haridwar, onde o ruído incesante da rúa principal e unha paisaxe urbana tan caótica coma plana e cheirenta só semellaban amigarse cando, na cerimonia lusco-fusco do Har-ki-Pairi, a pisada de Deus e mailo néctar divino se fusionaron na empatía da ribeira do Ganxes. Estas horas finais de rendición ó caos indio precederon a miña primeira viaxe ferroviaria asiática, que serviu para rematar un ano vital intenso e asemade para celebra-la entrada nun ano biolóxico novo.
Quizais chegue a un lugar tan implacablemente caótico coma este, pero en todo caso será un lugar máis colorido. Velaí o corazón latente do universo hinduísta outrora chamado Kashi ou cidade da vida, e hogano simplemente Benarés ou, en clave máis occidental, Varanasi.
Aceptado logo o caos indio, toca agora camiñar cara a luz sen aversión ningunha ó ronsel das sombras precedentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta