Por gcdeportes | Lugo | 15/11/2016 | Actualizada ás 09:05
Mítica capitá de Cuba durante 14 anos, a gran maioría das que serán as súas compañeiras aínda non naceran cando coa súa selección alcanzou o cuarto posto nas Olimpíadas de 1992 en Barcelona. Aos seus 43 anos (Pinar do Río, 25 de xaneiro de 1973), a escolta cubana Licet Castillo reforzará o Ensino na LF2 no que resta de campaña.
O Durán Maquinaria Ensino sorprendeu co anuncio da fichaxe da xogadora cubana, de 1,75, cunha extensa e exitosa traxectoria profesional, xa con experiencia na Liga española, que segundo o propio club aportará “calidade, veteranía e experiencia” a un equipo moi novo.
Licet Castillo, que ten unha filla de 15 anos, participou con Cuba en catro Mundiais: Malaisia 1990 (onde foi bronce), Australia 1994, Alemaña 1998 e China 2002; en dous Xogos Olímpicos: Barcelona 1992 e Sidney 2000; e foi ouro nos Xogos Panamericanos de Winnipeg (Canadá) en 1999 e Santo Domingo no 2003.
Tras toda unha vida no baloncesto cubano, a nova xogadora do Ensino deixou a súa selección e viaxou cara a Europa no 2006, xa con 33 anos (Cuba impediulle xogar na WNBA). Tras dous anos en Hungría, Castillo fichou polo Sóller Joventut Mariana en 2008 e principiou a súa etapa en España. Dous anos no Cadí La Seu e ata catro no Campus Promete, co que ascendeu á máxima categoría. Na 2014-15, última tempada co equipo rioxano na LF, promediou 9,7 puntos, 4,3 rebotes e 3,3 asistencias por partido. O Eisvogel Friburgo da Primeira División alemá foi o seu último equipo.
A escolta cubana Licet Castillo non será a última fichaxe do Ensino, que agarda por un reforzo para o xogo interior. Está sendo un arrinque de tempada complicado (2 vitorias e 5 derrotas) para as lucenses polas moitas baixas. Na pasada fin de semana, na derrota 67-52 contra o líder invicto, o Aros leonés, o técnico Juan Nécega só puido contar con sete xogadoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.