SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2016 | Actualizada ás 19:19 por EUROPA PRESS
O pleno da Corporación local de Santiago de Compostela aprobou este xoves a creación dunha comisión técnica para a remunicipalización do servició da ORA e a grúa.
Deste modo, inícianse os trámites para que a empresa municipal Tussa asuma a xestión do cobramento polo estacionamento dos vehículos en superficie e das penalizacións e sancións por mal aparcamento.
A moción, proposta polo Goberno local, aprobouse cos votos a favor dos grupos de Compostela Aberta e BNG (12) e a abstención de PSdeG e Partido Popular (11).
A remunicipalización do servizo de ORA e grúa foi unha das propostas electorais de Compostela Aberta nas eleccións municipais de maio de 2015.
Esta comisión avaliará a viabilidade do proceso de asunción por parte da empresa municipal Tussa da prestación destes servizos, que actualmente recaen no grupo Setex, o contrato do cal remata a finais do próximo mes de xaneiro logo de varias prórrogas tras unha sentenza do TSXG que declaraba "sen efecto" a concesión.
COMISIÓN TÉCNICA
A devandita comisión estará formada polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, o concelleiro de Medio e Convivencia, Xan Duro, dous representantes escollidos polo grupo popular, un polo PSOE e outro polo BNG.
Tamén contará con varios técnicos como o xerente de Tussa, un representante do persoal, outro dos servizos comunitarios, un da Policía Local e de Tráfico e un asesor xurídico.
Precisamente esta composición foi un dos puntos criticados polos grupos da oposición, que acusaron ao Goberno local de conformar unha comisión con máis peso político que técnico.
En palabras do tenente de alcalde e concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, a remunicipalización da ORA e a grúa permitirá "poder aplicar políticas de integración" para poñer "poñer este servizo" en favor "dos cidadáns".
Segundo Duarte, a decisión adoptada este xoves polo pleno municipal "inicia o procedemento de asunción directa" do servizo por parte do Concello.
ANTECEDENTES
A remunicipalización da ORA e a grúa foi unha das promesas electorais de Compostela Aberta nas municipais de 2015 e comezou a formularse cando unha sentenza do TSXG de outubro de 2015 declarou "sen efecto" a adxudicación contractual do servizo a Sextex Aparki, xa que entendía que esta non actuaría "de boa fe" no concurso público.
Sextex continuará exercendo a xestión do cobramento polo estacionamento dos vehículos en superficie e das penalizacións e actuacións por mal aparcamento ata o próximo 30 de xaneiro, día no que finalizan as prórrogas outorgadas á adxudicación do servizo.
BNG PIDE "MÁXIMAS GARANTÍAS"
O voceiro do BNG en Santiago, Rubén Cela, pediu ao Goberno local de Compostela Aberta que o proceso de remunicipalización conte coas "máximas garantías xurídicas, económicas e laborais".
Así mesmo, invitou a que a comisión técnica "deixe claro" a "viabilidade económica" da asunción dun servizo que ten que facerse "a través de Tussa e non do Concello directamente".
Nesta liña, o voceiro socialista, Paco Reyes, cuestionou a "municipalización" real deste servizo polo que invitou a Compostela Aberta a "explicar que non vai ser así", para logo preguntar ao grupo de goberno se este proceso pode deixar "aberta" a posible "privatización" do servizo de grúa nun futuro.
Por outro lado, Reyes alertou ante a "seguridade xurídica" dun proceso que pode "xerar unha serie de efectos e influencias" sobre o Concello. "É necesario blindar ese proceso", apostilou.
O PP FALA DE "IMPROVISACIÓN TOTAL"
O grupo popular tachou de "improvisación total" un proceso que, a xuízo do edil Manuel Martínez, está "falto de planificación e previsión", ao tempo que criticou a creación dunha "comisión puramente política" en lugar dunha técnica.
"A función dun político non é elaborar unha memoria técnica", aseverou Martínez, quen trasladou que o inicio do proceso "chega tarde" porque "xa debería estar feito" logo de que "hai un ano Tussa modificase os seus estatutos para asumir a asunción do servizo.
ALCALDE NEGA DECISIÓN "POLÍTICA"
O alcalde santiagués negou que a remunicipalización do servizo de grúa e ORA sexa unha "decisión política", senón que o Concello estivo "asesorado" dende o inicio.
Por último, Noriega invitou a oposición a pedir as mesmas "garantías" que esixen a este proceso a todos os que aprobe o pleno municipal. "Cada vez que licitamos contratos millonarios dende o Concello non se piden tantas garantías", espetou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.