Furia necesaria

O novo traballo de Marcos Prior e David Rubín aborda a actual crise do capitalismo convidando a substituír análises e protestas pola acción directa.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 23/12/2016

Comparte esta noticia

Título:Gran Hotel Abismo

Gran Hotel Abismo, o novo traballo de Marcos Prior e David Rubín
Gran Hotel Abismo, o novo traballo de Marcos Prior e David Rubín

Autores: Marcos Prior e David Rubín

Editorial: Astiberri

Ano: 2016

 

Dicía Stendhal que a política é unha pedra de muíño atada ao pescozo da literatura, capaz de afundila e afogala en menos de seis meses. Non sabemos se Marcos Prior disinte desta afirmación ou se a acepta coas súas consecuencias, mais o certo é que o conxunto da súa carreira está marcada pola vontade de construír os seus cómics arredor dun discurso explicitamente político. Títulos comoFagocitosis (Glènat, 2011),El año de los cuatro emperadores (Diábolo, 2012) ou a recenteNecrópolis (Astiberri, 2015) dan conta da actual crise do capitalismo, ofrecendo unha perspectiva tan lúcida como desacougante, abertamente ideolóxica pero tamén distante abondo como para concederlle ao lector o seu espazo. Non é difícil establecer unha continuidade entre estas obras e o seu novo traballo,Gran Hotel Abismo (Astiberri, 2016), que afonda na mesma liña e engade un novo sumando, a participación do galego David Rubín.

Nunha das primeiras imaxes deGran Hotel Abismo asistimos a unha manifestación de cidadáns indignados pola crise. Da multitude xorde unha figura enmascarada que avanza cara a primeira liña e busca a confrontación directa coa policía. Os seus actos captarán a atención de todos e rematarán de forma espectacular. Sen embargo, e malia as súas graves consecuencias, o acontecido é ante todo unhaperformance. “O Animador”, revelador alcume polo que coñeceremos ao personaxe, está a actuar diante dos manifestantes e das autoridades, os medios recollen e reproducen as imaxes dos seus actos, os tertulianos guíndanse sobre elas coma aves de rapina, as redes sociais multiplican o efecto nun bucle interminable. Operformer representa diante do público o tránsito da protesta á acción directa. Velaí a súa receita anticrise, convencer ás masas da inutilidade da “manifestación” se non vén acompañada de “acción”. E velaí tamén o debate que Prior e Rubín tentan trasladarlle ao lector.

Seo impacto no espectador é un elemento fundamental daagitprop, a participación de Rubín revélase como un factor imprescindible deGran Hotel Abismo. Poucos autores son capaces de facer do acto de lectura unha experiencia tan intensa e cargada de adrenalina coma o debuxante ourensán. Hai uns anos que Rubín derivou cara unha narrativa-espectáculo que bate no lector a cada volta de páxina. Dende unha composición complexa e requintada, antítese da narrativa “invisible”, á peculiar utilización de onomatopeas e signos gráficos ou o cada vez máis recoñecible uso das cores (aspecto no que desta volta contou coa colaboración de Kike J. Díaz), as pranchas deGran Hotel Abismo son pura pirotecnia visual, unha explosión de estímulos na que o lector atopará citas explícitas (O club da loita,El Eternauta) e evocará pasaxes de clásicos da axitación política en banda deseñada (V de Vendetta,Batman: The Dark Knight returns).

Gran Hotel Abismo semella dar por rematado o tempo de facer diagnósticos. Xa todos aprendemos polas malas que é iso que chamamos crise, quen a provocou, a quen beneficia e quen padece as súas consecuencias. Non só iso, tamén cuestiona a utilidade do berro irado contra os responsables do deterioro do benestar social e da destrución de dereitos. A obratranspórtanos un chanzo máis arriba, ata a acción que debe seguir á convicción, unha acción que implica romper a baralla, situarse fóra dos límites que o propio marco institucional considera tolerables e, de forma inevitable, obrar de forma violenta. A partires de aí, correspóndelle ao lector decidir tanto sobre a lexitimidade como a viabilidade deste proceder.

É difícil interpretar o discurso de Prior e Rubín sen deternos nun final que algúns considerarán inxenuo en exceso. Concedendo que ohappy end deixa de ser conservador alí onde o pensamento hexemónico esixe outro final, non é menos certo queGran Hotel Abismosuscita un debate pero apenas aporta argumentos. Coma ese “Animador” que se abre camiño sen que ninguén sexa quen de detelo, a obra é ante todo unha demostración de forza, un discurso visceral envolto nun aparello visual impactante. Se cadra esa era a intención dos autores, ceibar unha mensaxe furiosa que poña fin ao bizantinismo dialéctico, tan útil ao poder, mais tratándose de dous talentos tan bravos coma Prior e Rubín non deixa de botarse en falta algo máis de combustible ideolóxico.


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA