Temas: LOBO

“O lobo ten o sambenito de que é perigoso e por iso vende titulares”

O-Xan leva pouco máis dun ano traballando para concienciar á sociedade galega da importancia que o lobo ten para a fauna de Galicia. Óscar Rivas é un dos seus integrantes e nesta entrevista recoñece que é necesario traballar cóbado con cóbado cos gandeiros para tentar chegar a un punto de acordo entre o que pensa o mundo urbano e o que se vive no mundo rural. Por iso critica aos animalistas, “que non teñen que ver cos conservacionistas”, e actúan desde unha perspectiva ideolóxica “que crea malestar no sector rural”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/01/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Óscar Rivas é un conservacionista e un dos voceiros de O-Xan, unha asociación creada a finais do 2015 que ten como finalidade artellar un "foro de diálogo” que garanta a conservación do lobo, a práctica da gandería extensiva e coexistencia entre a sociedade galega e o lobo.  O colectivo tamén está a traballar na mellora do tratamento que se lle dá nos medios de comunicación. 

Unha femia de lobo cos seus cachorros
Unha femia de lobo cos seus cachorros

Rivas destaca a necesidade de chegar a un consenso entre os gandeiros –o sector máis afectado polos seus ataques--, cazadores, conservacionistas, investigadores e sindicatos para manter o lobo nos montes do país pero respectando tamén as prácticas da gandería extensiva.

O-Xan está integrado por AGCT, ARENA, CIAM, UniOvi, UNITEGA, UNAC, COETFOGA, UUAA, SLG, SGPF, OVICA, ACRUGA, PURAGA, ASOPORCEL, BEEALIA e gandeiros a título individual. Non forman parte del os animalistas a quen Rivas tamén acusa de actuar por criterios ideolóxicos que nada teñen que ver coa ideosincrasia do mundo rural.

Moito se está falando dos lobos estas semanas, pero cal é a imaxe que este animal ten na sociedade galega?

Hoxe en día nos medios prima esa imaxe de que son animais perigosos; que todo o relacionado con eles é negativo, que as administracións non fan nada e que o lobo campa polos montes galegos. Pero, contraposto a isto, hai outro sector, que igual en Galicia se sente menos, que é un sector importante, que di que é unha especie en perigo de extinción, que se está acabando con el en base a cacerías ilegais con cupos permitidos polas administracións. No tema do lobo non hai unha postura intermedia, senón moi polarizada. Unha que é do mundo urbano consistente en que é unha especie en perigo e necesita todo a protección necesaria, e outra do mundo rural que o ve como un perigo.

Lobo morto con lazo no Barbanza
Lobo morto con lazo no Barbanza | Fonte: Axena

E a que se debe esta imaxe tan polarizada?

Pois porque o lobo é un animal emblemático. E é capaz de que no mundo urbano se mitifique esa idea do animal salvaxe que hai que protexer. Evoca todo o que ten que ver coa natureza salvaxe. E tamén está auspiciado por certos gurús que o ven cunha visión idílica. E logo están os gandeiros que ven que é un problema. É un chibo expiatorio da sociedade rural que lle atribúe todo unha serie de conflitos que non teñen que ver con el e utilizan ao lobo como unha válvula de escape para todo.

E de quen é responsabilidade?... Supoño que non só dos medios de comunicación como se está a dicir nos últimos días

Pois na xestión dun problema como este pois de moitas partes. Por unha banda, a Xunta e polo outro o sector conservacionista, que temos que ter responsabilidade, e tamén os gandeiros. Pero este conflito do lobo xa ven de vello e se se revisan todos os conflitos sempre teñen o mesmo esquema. Os gandeiros se queixan dos danos ao gando e hai ese medo de que o lobo anda por medio das aldeas atemorizando aos veciños e isto se magnifica con novas nos medios de que se os lobos atacan a cans e gando, cando sempre pasou isto. De feito, así se contaba xa nos contos de Ánxel Fole.

Precisamente agora que falas de contos e lendas, o certo é que este animal sempre estivo historicamente asociado ao temor, á maldade. Só hai que botar un ollo a esas lendas e contos populares...

Si, por iso. Sempre foi un símbolo do medo e do maligno na sociedade rural. E mesmo en Galicia hai nomes eufemísticos para denominar ao lobo como O-Xan, que é o nome da nosa entidade. E logo está a outra visión do lobo como un símbolo salvaxe. E nin todo é branco, nin negro, senón que hai unha ampla gama de grises. E hoxe non hai ataques a persoas, nin hai que temer que un lobo ataque a persoas. Ese medo é infundado e non ten sentido. Aínda que é certo que si causa danos ao gando e tamén a certos cans de caza, aínda que iso sempre se deu. Non é unha cuestión de que haxa máis lobos que antes.

Non son certos entón os estudos que apuntan a un aumento da especie? 

Os datos do último censo falan de estabilidade nos últimos tempos. É certo que desde os anos 60-70 o lobo mellorou a súa situación porque atravesou a liña do Douro que era unha liña mítica que nunca atravesara. En Galicia, quitando o sur de Pontevedra, pode atoparse en calquera monte, pero isto non quere dicir que a poboación medre considerablemente. Esas noticias que falan de aumento non son reais e responden a outras cuestións.

En todo caso, os ataques a certas reses tamén son unha realidade. E non cres que pode ser un perigo senón se controla a súa poboación?

A falta de alimento do lobo é máis patente que antes e por iso baixan máis ás aldeas. Antes a xente tiraba as reses mortas ao monte e agora as normativas europeas impiden iso e, quizais iso sexa unha das razóns de porque se achegan máis ás aldeas ou ataquen a reses vivas. Hai un recente estudo en Asturias sobre o tratamento informativo do lobo e se comprobou que non hai un aumento do número de lobos.  Moitas veces, as denuncias están relacionadas con outros parámetros. Por exemplo, comprobouse que as novas sobre ataques aumentaban moito en época de eleccións, quizais para alentar aos gandeiros a votar. 

E cal é son as medidas que propoñedes desde O-Xan para conxugar todos estes intereses encontrados?

Precisamente o grupo se creouse para dar resposta a isto. De forma xenérica hai varias cuestións. A primeira é a prevención cunha boa política de prevención e danos, e todo impulsado desde a administración. Pero logo ten que haber unha correcta indemnización dos ataques. Se todos coincidimos na necesidade de que o lobo é un animal importante na fauna Galicia todos nos temos que facer responsables do seu coidado. Por iso, é importante indemnizar aos gandeiros que sofren perdas porque son os que practican gandería extensiva e máis respectuosa coa natureza. E logo tamén cremos que é importante o diálogo entre todas as partes para saber cada un de nós o que pedimos e queremos porque vemos que hai unha gran falta de comunicación entre nós. Por iso é moi importante chegar a un grado de acordo que non é fácil. E este grupo ten esa función porque hai un gran número de xente; gandeiros, sindicatos, conservacionistas, biólogos, cazadores... E sentarse a dialogar é un gran avance para que, entre todos, cheguemos a acordos. De feito, o primeiro paso que queremos é asinar un ideario conxunto que todos aceptaron e é que o lobo é un elemento importante do ecosistema galego e que todos aceptamos convivir con el, pero poñendo as ferramentas axeitadas para convivir con el.

E hai un verdadeiro diálogo co sector gandeiro que é o que máis se queixa dos seus ataques?

Si, porque son os que máis o sofren e é lóxico que se queixen. Por iso é importante entendelos e axudalos. Outra cousa é que eles tamén tenten convivir co lobo e para iso é fundamental concienciar á sociedade da importancia da gandería como un valor económico. E logo, como en todo, hai gandeiros máis responsables e cos que é máis fácil dialogar e outros que están máis no extremo. Pero o importante é buscar eses puntos intermedios.

E coa Xunta, cal é a relación que tedes?

Pois agardemos que tamén acaben participando neste grupo. Saben da nosa existencia pero non é partícipe do grupo. No seu día xa nos puxemos en contacto con eles para que sacaran liñas de axuda a gandeiros e que haxa prontitude de pagos porque hai un atraso acusado xa que o sistema de avaliación é aceptable pero logo tardan moito en pagar e iso provoca malestar nos gandeiros. Eles mesmos recoñecen que son perdas asumibles pero que se senten desamparados e pouco entendidos porque se lle bota moita presión enriba.

Supoño que parte desa presión ven dos grupos animalistas que sempre os poñen no ollo do furacán...

Si. Os animalistas non teñen que ver cos conservacionistas. Falan sen criterio científico e desde unha perspectiva máis ideolóxica. E iso é moi prexudicial de cara á conservación e crea malestar no sector rural porque se senten perseguidos por este sector. Por exemplo, aí está o PACMA que iniciou unha campaña contra as matanzas do porco. Visto desde unha gran urbe igual pode ter sentido pero cando vas o medio rural isto non ten sentido e non ten nada que ver coa conservación, nin co animal. É unha cuestión ideolóxica relacionada con movementos como o veganismo e outras cuestións. Eu que pertenzo ao sector conservacionista  e non comparto as accións de certos animalistas. Apartámonos desa vertente porque a súa postura me parece moi extrema e falta de toda realidade.

Supoño que o da polémica mediática da famosa foto xa está superada porque non sempre os medios están para fastidar, non?

Estou convencido de que non houbo intencionalidade nesa información, senón que houbo improvisación. Como o lobo vende, pois igual se lanzaron. É unha mostra de que o lobo é un animal mediático e xera moita máis información e noticias do que realmente a súa existencia biolóxica debera. Tamén está agora por medio o sector dos cazadores que o ven como competidor. É unha especie que ten ese sambenito e por iso se xera este conflito que se dá en toda a área de distribución do lobo e en todos os países nos que se atopa. O reto é sabe convivir e facer esa convivencia máis doada.

Oscar Rivas, o primeiro pola esquerda, nunha xuntanza de O-Xan
Oscar Rivas, o primeiro pola esquerda, nunha xuntanza de O-Xan
Temas: LOBO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 galegoexiliado

Os ecologistas moito documental de La 2, e moito chalé adiosado donde non entran lobos nin xabarins, pero do rural so algún viaxe nos seus todoterrenos de luxo e algún finde nalgunha casa rural perto da autovía, pero de vivir do campo nada, mellor vivir de funcionario. A solución pa que o lobo non pase fame é a de botarlle cada seman uns cuantos ecologistas, pa que vaian comendo e deixen en paz ó gando. E pa os que queiran ver lobos os documentales de R de la F.

1 tertuliano

Tes razón. O lobo é un animal ruín. Fíxate no que lle hizo a caperucita e aos tres cerditos.

1 Eu mesmo

Ben por difunfir outras visións do asunto. En La Voz de Galicia hai unha campaña contra deste animal. Hai que dicilo...