PONTEVEDRA | 10/01/2017 | Actualizada ás 19:22 por EUROPA PRESS
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 20 anos de prisión por un delito de asasinato con aleivosía coa agravante de parentesco a Juan Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', considerado culpable por un xurado popular de acabar coa vida da súa exnoiva Conchi Reguera Peón na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio na madrugada do 24 de outubro de 2015.
Na sentenza, recollida por Europa Press, os maxistrados da Sección Segunda tamén lle prohiben residir e acudir á parroquia de Ponte Sampaio, ao lugar de Acevedo e á cidade de Pontevedra, durante o tempo de 25 anos. Tamén lle impoñen a medida de seguridade de liberdade vixiada durante oito anos respecto aos pais e irmáns da vítima.
O acusado, así mesmo, foi condenado á pena dun mes de multa, cunha cota diaria de seis euros, polo roubo do coche da nai da vítima, no que Lusquiños fuxiu do lugar do crime tras matar á súa exparella.
RESPONSABILIDADE CIVIL
En concepto de responsabilidade civil, Juan Antonio Lusquiños deberá indemnizar os pais da vítima en 60.000 euros para cada un deles, e os seus tres irmáns en 20.000 euros para cada un. A vítima estaba solteira e non tiña fillos. Do mesmo modo, á propietaria do coche subtraído correspóndelle unha indemnización de 600 euros.
As partes poderán interpoñer recurso de apelación contra esta sentenza ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O avogado que exerceu a defensa do acusado considerou que os feitos eran constitutivos dun delito de homicidio polo que pediu unha condena de dez anos. Durante a vista oral destacou que o procesado mostrou o seu arrepentimento, confesando os feitos, ademais de sufrir graves problemas psiquiátricos, que por desgracia influíron de forma decisiva nos feitos", e en consecuencia modificaban a súa responsabilidade criminal como atenuantes.
SEN "COLABORACIÓN RELEVANTE"
Non obstante, a sentenza conclúe que non considera que supuxera ningunha "colaboración relevante para a Xustiza" que o acusado recoñecese "ao seu modo e non completamente, os feitos cando foi detido", posto que, nese momento, xa se sospeitaba da súa participación nos feitos e se abriran actuacións xudiciais contra el.
O xuízo iniciouse o pasado 12 de decembro e á súa conclusión o xurado emitiu un veredicto por unanimidade no que declarou a Juan Antonio Lusquiños culpable de asasinato ao considerar probado que o acusado era responsable de "causar a morte voluntaria e intencionada" da súa vítima a navalladas. Ademais, sostivo que o fixo "de xeito sorpresiva, sen que tivese posibilidade ningunha de reaccionar polo inesperado e repentino da acción".
Lusquiños deu morte á súa exparella, segundo o fallo xudicial, en plenas facultades mentais, por sorpresa e de forma brutal. Apuñaloulle unha vintena de veces e tan só deixou de facelo porque un home, alertado polos berros da vítima, descubriu o que facía "e non porque quixese facelo voluntariamente".
O acusado, segundo recorda o tribunal, mantivo unha relación sentimental coa vítima durante nove meses, á que ela puxo fin dous meses antes do crime, unha ruptura que este "non aceptara de bo grao".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.