Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2017 | Actualizada ás 14:16
O Tribunal Superior de Justicia de Asturias acaba de ratificar unha sentencia contra Asturbega por vulnerar o dereito de folga. A distribuidora asturiana de Coca Cola recorrera unha sanción administrativa que lle impuxo o Principado. Agora, a xustiza considera probado que a compañía astur desviou ilegalmente os seus servizos cara a planta de Begano, a planta de Coca Cola na Coruña.
Dende 2014, Coca Cola vive un importante conflito laboral debido a reestruturación das súas plantas. En Sieiro os traballadores foron a folga tras presentarse un ERE en Coca Cola Iberian Partners para as plantas de Asturias, Fuenlabrada, Mallorca e Alicante. Aproveitando que na Coruña só había paros parciais e non folga, debido a que a planta herculina propiedade de Begano non estaba incluída nese plan de reestruturación, a produción desviouse a Galicia.
UGT denunciou o asunto ante a Inspección de Traballo en Asturias. Os inspectores informaron dunha infracción “moi grave” e propuxeron unha multa de 50.000 euros, porque Asturbega desviou a súa produción á Coruña tras esgotar as súas reservas locais. O principado ratificou a sanción no verán de 2014.
"Los transportistas cargaban los productos en la fábrica de Colloto, se trasladaban a la fábrica de A Coruña donde cargaban y distribuían en el área de Asturias", recolle a sentencia que dá a coñecer R. Rodriguez en Economía Digital. Gracias a esta artimaña ilegal, a famosa bebida azucarada chegou, segundo a sentencia, a “Llanes, Valdesoto, Gijón, Colunga, Vegadeo, Oviedo, Tudela Veguín y a dos plataformas logísticas de empresas de alimentación”.
Dende o anuncio da reestruturación en 2014, Coca Cola sofre unha odisea xudicial en diversos frontes e tamén o boicot por unha parte dos consumidores no Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.