Gran rebaixa do prezo dos dominios .gal en homenaxe a Rosalía

O puntoGAL, que medra a ritmo lento pero constante, é o menos popular dos dominios lingüísticos e culturais aprobados no seu día pola ICANN. Para darlle un pulo, a Asociación puntoGAL presenta unha importante promoción este mes.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 01/02/2017 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

PuntoGal, o dominio galego en internet, anuncia unha gran rebaixa do seu prezo. Faino en colaboración coa Fundación Rosalía, polo 180 aniversario do nacemento da máis universal das escritoras galegas, Rosalía de Castro.

Parte da directiva da Asociación puntoGAL
Parte da directiva da Asociación puntoGAL | Fonte: Marcus Fernández

"Durante o mes de febreiro o rexistro dun novo dominio .gal será posible por un prezo de 5€ (+ive) como máximo", explican dende a Asociación puntoGAL. Cómpre lembra que até o de agora era case imposible, fóra de promocións puntuais, atopar o identificador por menos de 50 euros. De feito, nun dos rexistradores máis baratos, a galega Dinahosting, andaba polos 50,9 euros/ano e habiaos por até 149 euros/ano.

Na actualidade existen uns 3.500 dominios .gal rexistrados. Hai dous anos ,ao pouco de abrirse ao público, o puntoGAL andaba polos 1.600 identificadores. Polo tanto, e malia o seu prezo moito máis elevado que outras opción, o dominio está crecendo a un ritmo lento, menos de 1.000 altas ao ano, pero constante, sen que se produzan retrocesos a causa de non renovacións.

Con todo, o identificador do país é o que menos creceu de entre todos os novos dominios creados para linguas e culturas europeas, aprobados no seu día pola ICANN nun período similar. Así, o.scot (para a lingua e cultura escocesa) supera xa os 11.000 dominios, o .cyrmru (para a lingua e cultura galesa) anda polos 6.600, o .bzh (para a lingua e cultura bretonas) anda polos 6.500 dominios e o .eus ten uns 6.300 dominios, segundo datos de NTLDstats.com. 

O lanzamento da promoción farase o día 3 de febreiro. Será cun acto de presentaciónno Auditorio da Casa de Rosalía en Padrón, ás 12 do mediodía. O evento contará coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal..

Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL
Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL | Fonte: ortegalingua.blogspot.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta