Unha testemuña da Operación Patos zafa de declarar

A instrución do preito no que están imputados, entre outros, Louzán, Bravo Bosch e Caballero polos seus tratos con Eiriña está a piques de rematar.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 06/02/2017 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

A xuíza de instrución número sete de Vigo decidiu deixar sen efecto a dilixencia de comparecencia para declarar de Marcos O.O., exempleado da construtora Eiriña, a quen pretendía citar como testemuña (o último previsto ata agora) no marco da chamada Operación Patos.

Rafael Louzán, nos xulgados
Rafael Louzán, nos xulgados | Fonte: Europa Press.

A maxistrada tomou esta decisión despois de semanas, primeiro tratando de localizar a esta testemuña e, despois, tras constatar que se atopa fóra de España e que non podería comparecer ata finais de abril. Así, segundo acordou, déixase sen efecto a práctica da declaración para evitar que se demore "longamente" a instrución e tendo en conta que, aínda que é unha dilixencia pertinente, "é complementaria ou accesoria, non esencial para decidir sobre a continuación do procedemento".

Esta testemuña traballaba na construtora Eiriña, cuxos xerente e director, Enrique A.P., e Jaime A.V., respectivamente, están a ser investigados (xunto a varias decenas de empresarios, políticos e funcionarios) por supostas irregularidades en adxudicacións de obras públicas.

Na lista de investigados na Operación Patos figuran, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e varios concelleiros; a exdelegada da Xunta en Vigo María José Bravo Bosch; funcionarios do Concello olívico, da Xunta e do Porto; e o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

De feito, entre os investigados, queda pendente a declaración de Louzán que, no seu día, acolleuse ao seu dereito a non declarar, e cuxa defensa solicitou formalmente ao xulgado que lle cite novamente para responder, esta vez si, ás preguntas da xuíza. Esa comparecencia foi fixada para o próximo 1 de marzo, pero é previsible que se modifique a data, a petición do letrado de Louzán, que non podería estar ese día no xulgado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta