Temas: CSIC

Tres novos científicos titulares incorpóranse a dous dos centros do CSIC en Galicia

Os novos científicos son Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, quen se incorpora ao Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, e Manuel Pazos Palmeiro e Luís Taboada Antelo, quen se incorporan ao Instituto de Investigacións Mariñas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2017 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o nomeamento de funcionarios de carreira, polo sistema xeral de acceso libre, na escala de científicos titulares dos organismos públicos de investigación. Entre as incorporacións figuran as de tres novos científicos titulares a dous do cinco centros de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia.

Os novos científicos son Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, quen se incorpora ao Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento (Santiago de Compostela), e de Manuel Pazos Palmeiro e Luís Taboada Antelo, quen se incorporan ao Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo).

Pablo S. Otero Piñeyro Maseda (Lugo, 1979) é licenciado e doutor en Historia, ambos con premio extraordinario, pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). As súas liñas de investigación céntranse na área das Ciencias e Técnicas Historiográficas, e en particular, na localización, identificación, análise e transcrición de fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas dos séculos XIII ao XVI para o estudo, desde distintos posicionamentos, dos grupos de poder.

Manuel Pazos Palmeiro (Vilalba, 1977) é licenciado e doutor en Química pola USC. As súas liñas de investigación versan sobre os mecanismos implicados na calidade e bioactividade dos lípidos poliinsaturados de orixe mariña e outros compoñentes dos produtos pesqueiros, principalmente na prevención do risco metabólico asociado á obesidade, resistencia á insulina e diabetes.

Luís Taboada Antelo (Santiago de Compostela, 1977) é licenciado en Enxeñaría Química pola USC e doutor en Enxeñaría Química pola Universidade de Vigo coa distinción de Premio Extraordinario.

As súas liñas de investigación diríxense á definición de perfís/políticas de control óptimo en diferentes procesos da industria alimentaria e transformadora a través da aplicación dun enfoque xerárquico multinivel. Tamén ao uso das ferramentas de modelado, simulación, optimización e control para o deseño de novos bioprocesos ou para a selección óptima de rutas de procesos de valorización xa existentes.

O obxectivo é dar resposta ao grave problema ambiental e socioeconómico que supoñen os descartes pesqueiros que a nova Política Pesqueira Común da UE obriga a desembarcar a terra, e para os que non hai un uso definido. Todo iso, baixo o enfoque de Biorefinería Mariña.

Temas: CSIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta