Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2017 | Actualizada ás 14:18
A editorial Santillana levará ás librarías a partir do mes de abril un novo selo dedicado á literatura infantil e xuvenil en galego, que se presenta baixo o nome 'Oqueleo'. Ana Guerra, directora de Obradoiro/Santillana, indicou que este novo selo presenta 11 títulos novos e recupera outros 11 do fondo, polo que sae cun catálogo de 22 títulos, o que cualificou dun "auténtico éxito".
Entre os primeiros títulos de 'Oqueleo' inclúense referentes internacionais como Roald Dahl, Michael Ende ou Susan E. Hinton, e autores da literatura infantil e xuvenil nacional, como Gloria Sánchez, Xabier P. Docampo, Paula Carballeira, Manuel Núñez Singala, Marica Campo, Jaureguizar, María Canosa, Xoán Babarro, Xavier Estévez, Concha Blanco, Héctor Cajaraville ou Kike Gómez.
En conxunto, a colección contará con distintas liñas repartidas por idade, a Serie Amarela, para maiores de seis anos; a Serie Morada, para maiores de oito; a Serie Laranxa, para maiores de 10; a Serie Azul, para maiores de 12; e a serie Xuvenil, para maiores de 14.
Desde a primeira semana de abril, os lectores terán á súa disposición os primeiros 15 títulos, 'Un baúl cheo de piratas', de Ana Rosetti; 'O que nunca che contaron', de María Canosa e Kike Gómez; 'Bruxa e familia', de Paula Carballeira; 'Dez piratas', de Gloria Sánchez, 'A bruxiña da sorte', de Concha Blanco; 'O Nicolasiño', 'As vacacións do Nicolasiño' e 'Os recreos do Nicolasiño', de Goscinny-Sempé; 'Hilario e os tres medos', de Xoán Babarro; 'Matilda', de Roald Dahl; 'O ferreiro e a lúa chea', de María Isabel Molina; 'O bosque pálido', de Jaureguizar; 'E Xoel aprendeu a voar', de Marica Campo; 'Momo', de Michael Ende; e 'Rebeldes', de Susan E. Hinton.
Así mesmo, a partir da segunda quincena de abril sacaranse á venda 'Nube de neve', de Xabier P. Docampo; 'A vaca dixo mua', de Gloria Sánchez; 'Kibuko', de Xavier Estévez; 'O segredo da casa de Formoso', de Héctor Cajaraville; 'Noite de temporal', de Manuel Núñez Singala; 'A historia interminable', de Michael Ende; e 'O contador de estrelas', de Jaureguizar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.