VIGO | 04/04/2017 | Actualizada ás 19:19 por EUROPA PRESS
A directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral asinou este martes un acordo co Real Aero Club de Vigo para cederlle durante un período de 30 anos os terreos e instalacións nos que se sitúa o campo de golf.
Así o confirmou a Europa Press o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral, Luís Rodríguez, que este martes participou nunha reunión para matizar, ultimar e asinar o acordo, que posteriormente terá que ser ratificado nas asembleas de ambas as entidades.
Este acordo supón a cesión dos terreos ao Aero Club durante 30 anos, e, aínda que o presidente descartou concretar os pagos acordados, si que ratificou que durante os primeiros anos as cantidades ascenderán anualmente de forma graduada ata chegar a unha cifra estipulada.
Neste contexto, puxo en valor que o convenio supón "estabilidade e garantías para o Aero Club e os seus traballadores". "Polo menos por esta parte poden estar tranquilos", asegurou Rodríguez, que engadiu que este acordo é froito "tamén ao esforzo da comunidade de montes".
"Fixemos esforzos por chegar a un acordo, tendo en conta aos traballadores, porque tiñan un futuro incerto; á cidade, porque cremos que é importante que Vigo siga contando cun campo de golf; e os intereses da comunidade de montes", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.