O Lugo suma un en Cádiz

O equipo lucense tivo que conformarse cun empate (1-1) no Carranza malia ter varias ocasións no segundo tempo e malia rematar o rival con dez. Os de Luis César suman 45 puntos e recibirán o Oviedo o vindeiro domingo no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 08/04/2017 | Actualizada ás 22:03

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Cádiz CF 1:
Cifuentes; Carpio, Aridane, Sankaré, Luís Ruiz; José Mari, Abdullah; Salvi (Nico Hidalgo, 65’), Aketxe (Santamaría, 65’), Álvaro García e Ortuño (Servando, 77’).
CD Lugo 1: Roberto; Jordi Calavera, Carlos Hernández, Marcelo Djaló, Kravets (Leuko, 63’); Seoane, Sergio Gil; Damià Sabater (Pablo Caballero, 71’), Campillo (Carlos Pita, 79’), Fede Vico e Joselu.
Goles: 0-1: Marcelo Djaló (minuto 3). 1-1: Ortuño (16’).
Árbitro: Alberola Rojas (castelán). Expulsou con vermella directa a Aridane (75’). Amarela a Campillo (20’) nos lucenses.
Incidencias: partido da 33ª xornada de Segunda División no estadio Ramón de Carranza ante 12.848 espectadores.

Tivo ocasións no segundo tempo para sumar tres, pero o CD Lugo tivo que conformarse cun empate ante un Cádiz que xogou con dez os últimos quince minutos trala expulsión de Aridane por unha dura entrada sobre Campillo. Un punto que sabe a pouco, pero que serve os lucenses para seguir mirando cara aos postos de play-offs. O Lugo suma 45, a catro do sexto, o Oviedo, cun partido menos e vindeiro rival no Anxo Carro (domingo ás 18.00 horas).

Repetiu Luis César o once do Reus e os lucenses sorprenderon nada máis arrincar o choque cun gol tras un córner que rematou Marcelo Djaló ao fondo da rede. O Cádiz acusou o golpe durante uns minutos, pero non tardou en acadar o empate axudado pola pasividade defensiva dos lucenses. Centro de falta de Aketxe dende a dereita e Ortuño que fai o 1-1. O perigo dos andaluces chegaba sobre todo das accións de Álvaro García, e Roberto foi o protagonista dos lucenses ata o descanso, con varias intervencións que evitaron o segundo local.

Trala reanudación, os lucenses dominaron o xogo e impuxéronse o Cádiz, que ademáis quedou con dez trala expulsión de Aridane a quince do final. No minuto 56, Cifuentes despexou a córner un forte disparo de Jordi Calavera e en apenas dous minutos Joselu tivo un par de ocasións para o 1-2. Entrou Pablo Caballero por Damià Sabater e Aridane autoexpulsouse por unha fea entrada sobre Campillo. O partido estaba para os lucenses, pero o dianteiro arxentino non acertou coa portaría contraria e non houbo premio completo para o Lugo en Cádiz. Incluso Roberto tivo que evitar o segundo dos locais nun disparo de Nico Hidalgo no tempo engadido.

Marcelo Djaló celebra o 0-1 do Lugo no Carranza.
Marcelo Djaló celebra o 0-1 do Lugo no Carranza. | Fonte: lfp.es

Os xogadores lucenses celebran o gol de Djaló.
Os xogadores lucenses celebran o gol de Djaló. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta