Xunta anuncia cifras "parecidas ou superiores" ás deste ano nas oposicións de ensino de próximos exercicios

Faino tras concretarse esta semana a oferta de 1.043 prazas para este ano: "Imos ir ao cento por cento, como mínimo, da taxa de reposición"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2017 | Actualizada ás 18:38 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou este domingo "cifras semellantes ou mesmo superiores" ás deste ano nas oposicións de ensino dos próximos exercicios.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez | Fonte: Europa Press

Tras concretarse esta semana a oferta para este ano de 1.043 prazas, Román Rodríguez s pronunciou deste xeito nunha entrevista en Radio Galega: "Nos próximos anos imos manter sempre esta senda, é dicir, ir ao cento por cento como mínimo da taxa de reposición para alcanzar, nun horizonte temporal razoable, unha taxa de interinidade en torno ao 5, ao 8 por cento".

Neste sentido, engadiu que nas convocatorias dos próximos anos haberá "cifras semellantes ou mesmo superiores en función tamén da dinámica de xubilacións e de necesidades de poder afrontar unha estabilidade do profesorado".

En relación á investigación aberta pola Defensora do Pobo sobre as novas probas de avaliación que substitúen á Selectividade, Rodríguez lanza "unha mensaxe de total tranquilidade, de total seguridade xurídica".

En concreto, explicou que era coñecido desde principios de decembro que non quedarían exentos da proba de galego os alumnos que non cursaran a materia en 1º de Bacharelato: "Isto era coñecido desde principios de decembro cando se publicou o Real Decreto Lei que regula estas cuestións. Por certo, aprobado por todas as formacións políticas no ámbito estatal".

Sobre os alumnos que repetiron curso, indicou que estes teñen dúas opcións. Por unha banda, quedar coa nota media de Bacharelato e, por outro, facer a nova proba de acceso á Universidade.

O conselleiro pon en valor o traballo que se está facendo para tentar forxar un pacto educativo que evite constantes cambios de normativa no campo do ensino. Aposta por alcanzar "maior estabilidade" reforzando á vez os obxectivos de "calidade e equidade".

Acto seguido, destacou o traballo que se desenvolve no ámbito galego para a revisión do mapa de titulacións universitarias, para o que demanda o seguinte: "Temos que pór as luces anchas e temos que ver máis aló de cuestións concretas de cada caso, e temos que mirar para o futuro e ver se podemos mellorar o sistema".

Román Rodríguez tamén deixa unha reflexión despois dos últimos casos de conflito que se publicaron entre pais e profesores. "A educación dun neno non é exclusiva do sistema educativo. A familia, o conxunto da sociedade e, por suposto, o sistema educativo temos que formar aos nosos mozos en coñecemento, en competencias, pero sobre todo en valores. E creo que os profesores deben sentir sempre o apoio da familia", subliñou.

O conselleiro de Cultura tamén lamentou as tensións internas evidenciadas no seo da Real Academia Galega (RAG): "Non é bo para a cultura, nin bo para o país que una das institucións máis singulares teña un ambiente interno de desunión".

No entanto, matizou que "o importante é que o actual presidente (Víctor Freixanes) e o seu equipo miren para o futuro e teñan ganas de traballar a favor da cultura e a lingua galega". "Creo que iso é o máis importante máis aló de que, no seu seo, haxa divisións", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta