Consello.- A Xunta destina 3,4 millóns ao 'Bono Concilia' e amplía os supostos para pedir a axuda fóra de prazo

Habilita a posibilidade de conceder a axuda a nenos con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2017 | Actualizada ás 19:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Goberno galego manterá o próximo curso as axudas económicas para o 'Bono Concilia', un recurso que permite sufragar o custo dunha praza en escolas privadas a aquelas persoas que non obtivesen praza nunha escola infantil de 0 a 3 anos sostida con fondos públicos ou que residan en concellos onde non hai un centro destas características.

Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen concretou que a Consellería de Política Social investirá máis de 3,4 millóns de euros nesta iniciativa, que incorpora novidades, co obxectivo de chegar ao maior número de familias posible.

Así, habilitarase a posibilidade de conceder o 'Bono Concilia' a nenos con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria e teñan concedida a flexibilización de admisión da duración do período de escolarización.

Do mesmo xeito, ampliaranse os supostos de admisión de solicitudes fóra de prazo e abrirase a todas as familias en que se produza un nacemento, acollemento ou adopción do neno con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes fronte á esixencia de ter que residir en concellos onde non existan escolas infantís de cero a tres anos sostidas con fondos públicos da convocatoria anterior.

Ademais, por primeira vez, terase en conta o cambio de municipio de residencia ou de traballo da unidade familiar, ou cambio de domicilio ou lugar de traballo da unidade familiar dentro do mesmo concello, e establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito da convocatoria.

Para ser beneficiarios, os solicitantes deben ter un neno nado con posterioridade ao 31 de decembro de 2014, e para a obtención da axuda teñen prioridade aqueles nenos que xa tivesen concedida a axuda no curso pasado, de forma que se poida dar continuidade á súa escolarización.

Tamén poden optar ao bono aquelas familias en que os dous proxenitores traballen en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que, con dereito a praza pública, esta non lles resolva as súas demandas de horario.

CONTÍAS

O 'Bono Concilia' promove o dereito á escolarización de irmáns nun mesmo centro para facilitar a conciliación das familias. Así, as solicitudes para nenos que xa contan cun irmán nun centro terán posibilidade de opción directa ao 'Bono Concilia' nese centro.

A contía que se percibirá por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros (con comedor) para as rendas máis baixas.

Este bono é compatible con outras axudas que poidan recibir as familias para a mesma finalidade sempre que non superen o custo da praza. Na anterior convocatoria beneficiáronse desta medida 2.599 persoas.

TRANSPORTE ADAPTADO

Na rolda de prensa deste xoves, Feijóo informou tamén de que a Consellería de Educación facilitará o transporte escolar adaptado a case 300 alumnos con discapacidades.

O Goberno galego deu luz verde á colaboración con varias asociacións especializadas na atención a estas persoas.

O investimento asignado a este fin ascende a máis de 900.000 euros e completarase coas cantidades que se asignen á renovación de convenios de colaboración tamén con entidades similares para a prestación do servizo de comedor escolar a alumnos con este tipo de necesidades específicas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta