VIGO | 06/06/2017 | Actualizada ás 06:31 por EUROPA PRESS
O Porto de Vigo acollerá este martes, día 6 de xuño, o operativo de embarque de vehículos e material militar que se empregarán na operación da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) 'Presenza Avanzada Reforzada', que se desenvolverá en Letonia.
Segundo informou o Ministerio de Defensa, sobre as 9,30 horas arrincará no peirao do Arenal de Vigo o embarque de material loxístico de apoio e de máis dun centenar de vehículos, entre eles elementos acoirazados e mecanizados de tipo Leopardo 2E e vehículos de combate Pizarro, que España despregará "por primeira vez" en misións no exterior.
Así mesmo, nesta operación está previsto que participen 300 militares españois, dos que 100 pertencen á Unidade Loxística (ULOG) da Operación, con sedes en Valladolid, Madrid, Zaragoza e Badaxoz.
O continxente español encadrarase nun batallón que liderará Canadá e cuxa base se emprazará na cidade de Adazi, próxima a Riga. Ademais dos canadenses e españois, no despregamento participarán tamén efectivos dos exércitos de Italia, Eslovenia, Polonia e Albania.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.