VIGO | 29/06/2017 | Actualizada ás 13:53 por EUROPA PRESS
Os resultados positivos nos estudos de varios fármacos, os anuncios de acordos de licenza e comercialización, e os bos resultados de vendas de Yondelis e doutros produtos de empresas do grupo, levaron a PharmaMar a pechar o ano 2016 cunha subida do 8 por cento en bolsa, e unha revalorización das accións (desde a anterior xunta de accionistas) de máis do cento por cento.
Así o explicou este xoves o presidente do grupo, José María Fernández de Sousa, nunha rolda de prensa previa á celebración das xuntas xerais ordinaria e extraordinaria no Instituto Feiral de Vigo, nas que se presentaron os resultados de 2016 e os plans de futuro da compañía.
Na área de Oncoloxía, Fernández de Sousa destacou o aumento de vendas de Yondelis (un 7 por cento durante 2016), un medicamento para cancro de ovario e sarcoma de tecidos brandos que xa está aprobado en máis de 80 países.
Así mesmo subliñou os avances en Aplidin, un fármaco para o tratamento de mieloma múltiple do que xa se enviou solicitude de autorización de comercialización á Axencia Europea do Medicamento, e espérase informe positivo para novembro.
"ESPERANZA" DEPOSITADA EN ZEPSYRE
Á marxe destes avances, Fernández de Sousa fixo fincapé nun terceiro composto, bautizado como Zepsyre, e que está en plena de fase de estudo para o tratamento de catro tipos de cancro: ovario, pulmón, endometrio e mama. "É un composto que pode cambiar a historia de PharmaMar, porque sería para varios tipos de tumores, e pode levarnos a vendas de mil millóns", sinalou o presidente do grupo.
Segundo recalcou, a compañía ten "moitas esperanzas postas no Zepsyre" e as previsións que manexa estiman que podería estar á venda para o cancro de ovario (en Europa e Estados Unidos) a finais de 2019; un ano despois podería comercializarse para cancro de pulmón.
Precisamente estas perspectivas, e a posibilidade de que PharmaMar poida cotizar na bolsa de Estados Unidos (vinculada á comercialización de Zepsyre nese territorio), animaron a Fernández de Sousa a avanzar que o grupo "podería dar dividendos en 2020, 2021 ou 2022". "Malo sería que para entón non puidésemos destinar 10 ou 15 millóns a dividendos", engadiu.
Ademais dos fitos na área de oncoloxía, as empresas do grupo no sector biofarmacéutico (Xenómica e Sylentis) tiveron tamén "bo comportamento" ao longo de 2016, e as filiais do sector de química de gran consumo (Xylazel e Zelnova) lograron, así mesmo, incrementar as súas vendas.
MERCADO DE ESTADOS UNIDOS
Con respecto ao mercado de Estados Unidos, onde PharmaMar xa comercializa Yondelis, Fernández de Sousa confirmou que a intención da compañía "ir sós" na venda de Zepsyre sen recorrer a un socio ou, en todo caso, na modalidade de co-promoción.
Cuestionados os responsables do grupo acerca das consecuencias do cambio no goberno estadounidense e a chegada de Donald Trump, o presidente da compañía admitiu que o poderoso sector farmacéutico nese país "celebrou" a elección de Trump, sobre todo porque non vía con bos ollos á candidata Clinton (porque anunciou recortes no prezo dos medicamentos).
No entanto, e aínda que o presidente norteamericano facilitou unha maior "flexibilidade" e axilidade nos procesos da FDA (axencia americana que regula alimentos e medicamentos), "creou moita incerteza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.