Temas: EDUCACIóN

Os educadores sociais súmanse ás críticas á Xunta pola reorganización de centros educativos

O Ceesg cualifica de "escurantista" a actuación do Goberno galego e apoia as protestas da comunidade educativa contra o peche e fusión dalgúns centros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/07/2017 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) súmase ás reivindicacións que a comunidade educativa vén realizando nas últimas semanas, en relación á reorganización de centros educativos promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que xa se traduciu no decreto publicado no DOG do pasado 4 de xullo, que establece a fusión de dous Centros de Educación Infantil de Primaria (CEIP) en Outes, a extinción dun Centro Público Integrado (CPI) en As Pontes de García Rodríguez, e a transformación de catro CPI en CEIP, dous deles en Ribadavia e outros tantos no Porriño.

Cruceiro de Roo (Outes) mobilízase contra o peche do CEIP Emilio Navasqües
Cruceiro de Roo (Outes) mobilízase contra o peche do CEIP Emilio Navasqües | Fonte: Pilar Aymara.

O  Ceesg subliña que estes cambios teñen efectos tanto no profesorado, que ten que ser reubicado, como no alumnado, pola tamén necesaria reubicación e pola existencia de estudantes con necesidades específicas de atención educativa que, avisa o Ceesg, "poden ver o seu avance truncado debido a estes cambios", ademais de nas súas familias, polos cambios de horarios que poden afectar a conciliación. 

"O escurantismo destas accións, tomadas de xeito unilateral sen consulta previa coa comunidade educativa, e coincidindo co remate do curso escolar, non fai máis que reforzar a postura de quen vemos nestas medidas un ataque ao propio ensino público", argúen dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

O Ceesg lembra que "todas e todos temos dereito a unha educación de calidade", pero "o aumento de número de nenas e nenos por aula provoca precisamente o contrario". De feito, din, "o sistema educativo actual non pasa polo seu mellor momento" e avisan de que "os casos de fracaso escolar e o aumento de problemáticas sociais fan necesario tomar medidas precisamente no sentido contrario, de xeito que a administración educativa debe tomar medidas que vaian máis alá de respectar a ratio mínima establecida legalmente, procurando unha atención educativa que responda ás necesidades do alumnado".

Por todo isto, o Ceesg propón como medida para promover unha mellora educativa a creación de postos de educadores sociais dentro do sistema educativo público, algo que xa se acadou noutras comunidades autónomas, pero que Galicia segue tendo como materia pendente, advirten.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta