Temas: PUNTOGAL

Como será o acurtador galego de URLs?

Puntogal, Agasol e Dinahosting promoven o i.gal, un novo servizo para a Internet galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/07/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

PuntoGal, Agasol e Dinahosting puxeron en marcha i.gal, o acurtador galego de URLs. O novo servizo que posibilita codificar calquera enderezo web facéndoo máis pequeno e manexable para enviar, compartir, publicar ou memorizar. O servizo permite, igualmente, personalizar as palabras que forman parte da URL resultante, de xeito que sexa máis sinxela a súa utilización posterior.

Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL
Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL | Fonte: ortegalingua.blogspot.com

A iniciativa forma parte da colaboración que mantén PuntoGal con Dinahosting á que se une a Asociación Galega de Software Libre (Agasol), entidade que tamén forma parte da asociación e que ven colaborando co dominio dende os seus inicios. A ferramenta lánzase para celebrar conxuntamente o Día de Galicia e dentro da política das tres organizacións de prestar servizos de valor engadido no ámbito da rede galega. Recentemente, PuntoGal e Dinahosting puxeron en marcha tamén Velaqui.gal, un sistema que permite o intercambio de arquivos de ata 2Gb de maneira gratuíta.

A saída de i.gal (www.i.gal) coincide no tempo coa promoción de PuntoGal que permite rexistrar dominios novos por un máximo de 25 euros máis IVE ata o día 31 de xullo. Os rexistradores acollidos a esta rebaixa de prezos son os seguintes: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. A información completa sobre esta acción pode atoparse no enderezo dominio.gal/promo25xullo.

PuntoGal conta, a día de hoxe, con máis de 4.100 dominios rexistrados. A asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.

Temas: PUNTOGAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta