Pablo Graña, campión do Mundo

O padexeiro do Náutico Rodeira acada a medalla de ouro na proba de C1-200 metros no Mundial U23 e júnior que se celebra en Pitesti (Romanía). María Pérez (Náutico O Muíño) e Antía Jácome (Cidade de Pontevedra), prata en C2-200 metros.

Por gcdeportes | Compostela | 30/07/2017 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

Un galego campión do Mundo, un ouro para Pablo Graña no Mundial júnior. O padexeiro do Náutico Rodeira acadou o primeiro posto na proba C1-200 metros do Campionato do Mundo Esprinte U23 e júnior que se disputa na localidade de Pitesti (Romanía).

O cangués Pablo Graña, número un no C1-200 en Pitesti.
O cangués Pablo Graña, número un no C1-200 en Pitesti. | Fonte: @RFEP

O cangués venceu nunha apertada final, disputada a primeira hora deste domingo, cun tempo de 42.316, por diante do ucraíno Denys Filatov, segundo a tan só 60 milésimas con 42.376. Terceiro no podio foi o bielorruso Ryhor Maisiuk, cun tempo de 42.388.

O sábado, Pablo Graña (Náutico Rodeira) e o seu compañeiro Noel Domínguez (Breogán do Grove) quedaran a tan só 160 milésimas de acadar o bronce na proba de C2-1000 metros.

Pola súa parte, esta mesma mañá, María Pérez (Náutico O Muíño) e Antía Jácome (E.P.Cidade de Pontevedra) acadaron a prata no C2-200 metros júnior, a medio segundo das serbias Nikolina Mijuskovic e Nikolina Milic, vencedoras cun tempo de 46.020.

O sábado, as pontevedresas Carolina García (Cidade de Pontevedra) e Carla Frieiro (As Torres Romería Vikinga), xunto coas súas compañeiras Bárbara Pardo e Aida Bauzá, acadaran a prata no K4-500 metros júnior, tras quedar segundas na final por detrás da embarcación húngara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta