Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2017 | Actualizada ás 12:02
O ex-presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, iniciou na mañá deste xoves a súa colaboración coa Fundación Érguete-Integración, a onde chegou ás 8,50 horas e realizou unha primeira "toma de contacto", saudando aos traballadores e coñecendo as distintas tarefas que realiza a entidade.
A presidenta da Fundación, Carmen Avendaño, explicou que Fernández Gayoso chegou ás nove menos dez, minutos antes da hora que tiña fixada, para iniciar unha colaboración que se manterá de luns a venres, en horario de 9,00 a 13,00.
Fernández Gayoso saíra da prisión da Lama (Pontevedra) o pasado xoves 4 de agosto tras a providencia da Audiencia Nacional que decretou a súa posta en liberdade para colaborar coa Fundación.
Carmen Avendaño asegurou que o primeiro día de Fernández Gayoso na entidade foi "moi ben". "Dixémoslle a colaboración que esperabamos del, presenteille aos compañeiros, tivo unha reunión cos traballadores e explicámoslle os programas que temos", explicou Avendaño, quen dixo que "foi unha primeira toma de contacto".
Fernández Gayoso non puido permanecer durante toda a mañá na Fundación debido a que se tivo que ausentar para acudir a unha cita médica, segundo relatou Avendaño. Non obstante, está previsto que este venres se incorpore no horario fixado.
SERVIZOS
Carmen Avendaño explicou que "fisicamente non está moi ben, pero si mentalmente", polo que quizais a súa colaboración se enfoque a temas vinculados "ós seus propios coñecementos, accedendo a computadoras para revisar convocatorias ou axudar en escritos", ademais dos xa sinalados previamente de servir almorzos -aténdense ao día a entre 60 ou 70 persoas en risco de exclusión- ou prestar axuda no roupeiro e lavandaría.
Neste sentido, Fernández Gayoso realizará tarefas similares ás de todos os participantes do programa de reinserción de presos, que leva activo desde hai 32 anos. A Fundación colabora con asociacións e en formación laboral, con presos que están en exclusión, en terceiro grao ou case ao termo da súa condena. Na actualidade, a entidade conta con preto de 100 traballadores, dos que 57 atenden a persoas maiores que viven soas.
INFORME PERIÓDICO
Fernández Gasoyo foi condenado a dous anos de prisión xunto con outros directivos polas indemnizacións que se concederon a si mesmos antes de abandonar a entidade e que alcanzaron os 22 millóns de euros, pero saíu do cárcere tras algo máis de medio ano recluído -entrou o 16 de xaneiro- debido á medida adoptada polo xuíz de Vixilancia Penal, José Luís Castro.
O ex-presidente de Novacaixagalicia contará cun elemento de control telemático e cada 15 días o centro elaborará un pequeno informe sobre a evolución dos seus labores, que "adoita ser conciso se non hai incidencias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.